
O xurado estivo presidido por Laura Tato e del tamén formaron parte, como vogais, Ana Carreira, Cristina Domínguez, Laura Míguez, Cándido Pazó e Roi Vidal Ponte. A súa decisión de lle conceder o Cunqueiro a Avelina Pérez foi adoptada por maioría, salientando na acta o carácter lúdico e crítico de Ás oito da tarde, cando morren as nais, que "explota as posibilidades do xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e cunha mirada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción". O funcionamento coral e musical dos personaxes foi destacado igualmente polo xurado, que subliña tamén a soltura rítmica, a fluidez dos diálogos e a coherencia dramatúrxica do texto, "que consegue trasladar o foco da escena cara ás butacas cunha temática autocrítica e metateatral, e un estilo de gran forza expresiva cheo de humor e de crítica sociolóxica".
Terceiro Manuel María para Paula Carballeira
Pola súa banda, a obra Somos os monstros válelle a Paula Carballeira para poñer no andel o seu terceiro Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivera na súa primeira convocatoria en 2006 con Boas noites e en 2011 con O refugallo. Nesta décima edición, o xurado foi unánime na decisión de elixir o seu texto como gañador, incidindo na súa "boa carpintaría dramática, que posibilita un xogo escénico moi dinámico no que se pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral, moi na liña dos xogos infantís". Así, os seus personaxes, situacións e diálogos semellan de debuxo sinxelo, mais logran transmitir un trasfondo potente e un universo simbólico suxestivo e interesante para o espectador infantil e adolescente. A autora aborda aquí o mundo dos monstros que, na súas palabras, "ás veces, moitas veces, non son moi diferentes de nós cando nos miramos no espello".