A Axencia Galega de Industrias Culturais ven de facer públicas as obras gañadoras dos tres premios de literatura dramática que convoca con carácter bianual. Os certames Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidades de público infantil e adulto) da axencia autonómica comparten como obxectivo prioritario servir de estímulo á escrita específica para o ámbito teatral. Tras da valoración das obras presentadas o xurado decidiu outorgar o XXVI premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais á obra 'O traxe' de José Fernando Castro Paredes; o XII premio Manuel María de literatura dramática infantil á obra 'Nin me amoles', da autoría de Ana María Carreira Varela; o XV premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade para rapaces a 'Os contos do Lobicán', de Eva María Mejuto Rial; e o XV premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade adultos ao texto 'Nas nubes', do que é autor José Luis Baños de Cos. Todos os premios teñen unha dotación de 6.000 euros agás o Álvaro Cunquieiro, que supón 8.000 euros. Os galardóns contemplan ademais a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións dramáticas que a Agadic coedita con distintas empresas galegas.