"Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única". Eran as dez da mañá e os transistores da comunidade galega bonaerense vibraban coa emoción morriñenta dun 25 de xullo a 10.000 quilómetros da terra. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao tomaba a palabra diante da colectividade reunida no teatro Arxentino e Radio Belgrano retransmitía, coma nun eco de alcance perenne, o cumio retórico do intelectual e artista rianxeiro. Alba de Gloria nacía para ser eterno.
Agora, setenta anos despois daquela alocución histórica, o Consello da Cultura Galega organiza unha innovadora homenaxe cunha narrativa multimedia baseada na exploración e observación participante da mellor peza de oratoria escrita en galego. A través da combinación de realidade virtual, recursos audiovisuais e materiais documentais, a mostra transcende os formatos expositivos tradicionais cunha experiencia interactiva na que as novas tecnoloxías median un diálogo sensorial e emocional cun pasado no que Castelao nos sostén a mirada con conmovedora viveza.
Logralo implicou o enorme desafío de interrogar a materialidade do abstracto. Precisábase atopar a metodoloxía coa que trasladar a un espazo físico, situado na igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval, un ingrediente expositivo tan inhabitual como son as ideas, evocacións e sentimentos tecidas nun discurso. Mais Manuel Gago, comisario da mostra, soubo interpretar no propio entreliñado de Alba de Gloria, reelaborado en múltiples ocasións até a súa versión final, o ronsel de pistas coas que salvar o reto.
As excepcionais destrezas de Castelao, ao que describe como "un comunicador colosal", para saber escoller as canles, formatos e linguaxes coas que facer palpitar o corazón e as conciencias da súa audiencia, resultaron unha inspiración clarificadora. Para Gago, que reivindica o emprego das innovacións tecnolóxicas para popularizar a cultura galega e rachar certos tópicos nocivos existentes arredor dela, foi a propia estratexia do rianxeiro a que amosou á realidade virtual como a alternativa máis pertinente. Con ela non só se logra superar o inicial desafío de conceptualización, explica, senón tamén apelar a públicos amplos mentres se festexa "un estilo de contar, un pensamento e unha época".
Alba de Gloria cobra vida
A aposta do CCG xermolou co desenvolvemento dun sistema de modelaxe e animación en tres dimensións que permite interactuar cun entorno no que se recrean os espazos e ambientes descritos nas pasaxes máis sobrecolledoras da derradeira e inmorredoira disertación de Castelao. Grazas á visión protagónica fornecida polas lentes de realidade virtual, a apaixonante viaxe pola súa intrahistoria, construída nunha sucesión de cinco escenas cun grao de inmersión gradualmente crecente, seduce o anhelo por implicarse.
O convite a unha observación participante vira felizmente imperativo cando, no epílogo dos brindes de festexo daquel Día de Galicia de 1948, o entusiasmo da efémeride revive nun baleiro salón de banquetes. Reconstruído, dende a faciana até a vestimenta, cun detalle de rigorosidade milimétrica, un Castelao tridimensional míranos aos ollos e ábrenos conversa.
Tralos pasos do cálido anfitrión alcánzase o corazón da histórica prédica de celebración do universo galego: a evocación, envolta nas tebras dun máxico bosque, da Santa Compaña de inmortais galegos. Entre un Prisciliano decapitado, na cabeceira do cortexo, e o descarnado Valle-Inclán, que pecha a comitiva, a procesión da Historia dos grandes nomes cobra vida perante nós nunha atmosfera envolvente. Logo, a "moitedume infinda de luciñas" que representan ás ánimas anónimas do pobo, encarnación do "substractum insobornable da nosa Patria" loado por Castelao, arrástranos cando si até multiplicarse nun mar de fogueiras. Perante a tumba de Alexandre Bóveda, "estrela e bandeira do noso porvir", o espírito dos mártires dános a despedida. Xa somos parte da "enerxía colectiva que nunca perece".
Xénese e impacto
Co fin de facilitar a comprensión tanto da xenealoxía e as circunstancias históricas nas que Alba de Gloria foi pronunciada como da súa relevancia actual, a experiencia virtual compleméntase cun variado repertorio de materiais multimedia. Así, a primeira toma de contacto coa mostra supón un breve percorrido pola biografía de Castelao desde a súa produción iconografía nos anos da terrible represión franquista até o seu incansable labor coma construtor de memoria e sementador de futuro trala súa instalación na "mellor patria" que identificou no exilio: a Galiza "ideal" da comunidade emigrante e exiliada en Bos Aires, refuxio e laboratorio da creación artística e intelectual galega nos anos corenta.
A vontade desta colectividade expatriada de reivindicar e revitalizar a idiosincracia de Galicia pervive na Capela de San Xacinto, onde se abeira unha pequena mostra da fascinante cultura discursiva galega do século XX. Nesta Sala das Palabras, voces da emigración como as da xornalista e actriz Maruxa Boga ou do político galeguista Ramón Suárez Picallo, entroutras, fanlle os coros á interpretación dramatizada coa que Alfonso Agra recrea, verba a verba, a xoia discursiva de Castelao.
A semente da súa elaboración explórase na Árbore das Historias, na que se representa a longa tradición de relatos, tanto ensaísticos coma literarios, que dende as primeiras crónicas do pasado de Galicia, no século XVII, nutriron a narrativa identitaria. En fronte, o infográfico interactivo da Fábrica de Mitos permite descubrir a pegada de referentes de figuras coma Rosalía de Castro ou os Irmandiños e de episodios míticos como o do Monte Medulio no imaxinario galeguista grazas á visualización da súa mención en textos escritos publicados dende o século XIX.
A mostra, que permanecerá aberta até o 3 de febrero, finaliza cun laberíntico paseo entre as figuras das 65 personaxes nomeadas na Santa Compaña, modeladas a tamaño real a partir, sempre que foi posible, das interpretacións e imaxinarios existentes sobre elas.