"Así como hai dous séculos os nosos devanceiros estaban preocupados por se a lingua estaba presente ou non na narrativa, na poesía, no teatro ou no ensaio, e hai un século as Irmandades da fala estaban preocupados por se a lingua estaba ou non na prosa científica ou na relación epistolar que mantiñan uns con outros e coas súas familias e os seus correlixionarios, pois un século despois nós temos que estar preocupados por outros espazos que ocupa ou non ocupa a lingua". Deste xeito daba apertura Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, a unha xornada celebrada nesta institución na que se convocaba a expertos nacionais e internacionais para falar das tecnoloxías da lingua. Carmen García Mateo, coordinadora da xornada e da Sección de Lingua do CCG e directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, remarca nese mesmo senso que o sentido desta xornada e "falar de usos da tecnoloxía que poden facilitar a vida cotiá en galego". As tecnoloxías da lingua como "unha oportunidade para a sociedade galega que usa a lingua galega".
Como resultado destas queixas desde a oficina da valedora do Pobo a dirección da CRTVG anunciou que no ano 2019 a compañía pública galega contará cunha partida de seu no orzamento para poder acometer de forma estrutural e implementar melloras na accesibilidade. A CRTVG estima que con estas novas actuacións terá a capacidade operativa en 2019 para cumprir o reflectido no articulado da Lei de Medios Audiovisuais respecto ás horas e contidos con apoio en linguaxe de signos. No relativo á audiodescrición para persoas con discapacidade visual a CRTVG asegura que "seguirá a traballar coas entidades dedicadas a innovación e institucións universitarias coas que xa comezou a investigar para lograr acadar un software que permita o uso desta ferramenta partindo do galego como lingua nativa". Para mellorar a súa oferta en subtitulado e axeitala ao que marca a Lei a CRTVG apunta a "controlar de maneira expresa aos seus provedores para que cumpran coa norma xa establecida de entregar os produtos audiovisuais subtitulados de forma que a porcentaxe de cintas con estas características siga a aumentar na grella da CRTVG tendo como obxectivo os limiares marcados pola Lei". Puntos pendentes Entre as "verdadeiras materias pendentes da accesibilidade" Lourdes Lorenzo, vía como se xeraba un debate entre investigadoras á hora da valoración da literalidade dos subtítulos. Segundo ela esa literalidade, "non é boa". Para a investigadora "os xordos teñen moitas dificultades para entender as linguas orais tal e como as concibimos", asegura. O feito de que en realidade para as persoas xordas a súa primeira lingua sexa a linguaxe de signos ( en castelán, xa que non se dá en galego), e que sexa a partir deste e das súas limitacións como comprenda o mundo fai que algúns xiros da linguaxe non teñan sentido ao velos escritos malia que entendan as palabras en si. Nos estudos de caso feitos nos colexios detectáronse enormes problemas de comprensións das linguas orais por parte dos xordos profundos ou de nacemento o que implicaría que mesmo nos subtitulados a perfección viría por unha "adaptación" da linguaxe literal, o cal deixaría as ferramentas de recoñecemento de voz ou de transcrición automática como unha opción actual aínda pouco axustada a unha verdadeira accesibilidade por estes colectivos. Nese mesmo sentido recorda Lorenzo, que se a lingua de signos en castelán é a primeira lingua, a segunda é propiamente en castelán e o galego resulta ser a terceira lingua da poboacións xorda galega. Ata tal punto é así que ante a negativa da Xunta de apoiar economicamente proxectos de subtitulación de accesibilidade para cativos xordos que non estivesen en galego as propias asociacións que engloban a estas persoas rexeitaron eses produtos de apoio se só ían estar en galego e foi a vontade dos seus propios produtores a que levou adiante moitas destas ferramentas ou produtos subtitulados ou para o seu uso en galego ou castelán,, aínda que como recoñece Lourdes Lorenzo "nas asociacións recibían os subtítulos en galego e en español e só poñían os de español", aseguraba a investigadora ao mesmo tempo que defendía que "non se trata dun problema de desprezo" e o vencellaba á dificultade de usar o seu terceiro idioma. Oportunidade para unha lingua minoritaria Unha das conclusións que se puideron tirar desta xornada é que estas tecnoloxías e o seu desenvolvemento son unha oportunidade para a lingua e a sociedade galega. Malia que o avance levado a cabo en todo o que ten que ver cos sistemas de recoñecemento de fala ou texto está claramente máis avanzado noutras linguas que contan como millóns de falantes en todo o mundo non se pode tirar a toalla no caso do galego. "Hai que darlle un pulo á lingua galega dentro dun contexto de globalización e multilingüísmo, -incide Carmen García Mateo- a tecnoloxía da lingua é algo que esta a desenvolverse para distintos idiomas e para o galego tamén". Como recordaba Pedro J. Moreno, de Google na súa videoconferencia, o xigante do software está a traballar no recoñecemento de fala para buscas e tradución automática tamén en galego pero recoñecen que a demanda, o número de buscas por voz e o uso dos teclados virtuais específicos no noso idioma é pequeno, incluso para o limitado número de falantes que somos e os sistemas como estes para mellorar precisan sobre todo uso, xa que aprenden con el. "Non sabemos que podemos usar o Google en galego e que podemos facer esas buscas tanto escritas como faladas en galego, - di García Mateo- co cal hai moita poboación que se pasa a outro idioma, en concreto ao castelán, co cal potencias o desenvolvemento desa tecnoloxía en castelán" lembra, en detrimento do que sería un uso en galego. "Aí hai unha tecnoloxía que precisa que se use"."Os xordos teñen moitas dificultades para entender as linguas orais tal e como as concibimos"
I é que os algoritmos que fan mellores, máis rápidos e máis doados de usar estes sistemas de voz precisan da propia fala para medrar. Tamén aparece como unha das carencias ou necesidasdes para mellorar a efectividade respecto á lingua galega o acceso destes softwares a bases de datos de voces gravadas e textos en cantidades enormes que axuden aos sistemas a prender ben os usos do idioma, xiros, puntuacións, acentos, toponimia, etc. "Os sistemas máis modernos -asegura García Mateo, que é unha das creadoras do coñecido Cotovía- baséanse en técnicas de aprendizaxe-máquina e faltan existencias de material para adestrar os propios sistemas. Falta texto en galego e fala gravada". Aí a investigadora ve que é onde as institucións públicas poden facer máis por apoiar a mellora en lingua galega destas tecnoloxías "Que material da CRTVG estea doadamente accesible e descargable e teña subtítulos, que todos os organismos que poñen material na rede permitan descargalos para adestrar algoritmos". Para a investigadora o desenvolvemento e avance nas tecnoloxías da lingua ten sentido e importancia dentro dun marco moito máis amplo e esencial no que o galego e a nosa sociedade non poden quedarse atrás. "A tecnoloxía da lingua nestes momentos non ten valor per se, é un elemento máis importante dentro dun sistema grande que é o sistema de acceso á información", incide a investigadora da Universidade de Vigo. O seu valor para reducira fenda de acceso ao mundo dixital pode ser determinabnte e o suso do idioma propia pode asegurar ademais que certa poboación non quede fóra destes avances nos que terían un atranco máis se non poden usar a súa primeira lingua. "A tecnoloxía da lingua -asegura García Mateo- axuda a reducir a fenda dixital en poboacións como a nosa rural e envellecida. Se a unha persoa que non está afeita á tecnoloxía lle dis que ten escribir en castelán ou falar en castelán pois é unha dificultade engadida. A tecnoloxía da lingua no propio idioma contribúe a que a fenda dixital non vaia a máis". Claramente unha oportunidade para a sociedade galega para estar aí como unha sociedade desenvolvida. A xornada que tivo lugar no CCG terá continuidade, segundo avanzou a Presidenta da institución, o vindeiro 29 de novembro cunha segunda xornada nesta liña na que se tratará o tema de "¿Para que serven os datos lingüísticos?"."Non sabemos que podemos usar o Google en galego e que podemos facer esas buscas tanto escritas como faladas en galego, co cal hai moita poboación que se pasa a outro idioma, en concreto ao castelán, co cal potencias o desenvolvemento desa tecnoloxía en castelán"



