María Barcala e María Ángeles Iglesias son as protagonistas da nova produción de Teatro do Atlántico Dúas donas que bailan. A compañía estreará este venres a posta en escena no Pazo de Cultura de Narón ás 20:30 horas, comezando aí a súa andadura escénica, que seguirá alí o sábado. A obra escrita por Josep Mª Benet i Jornet trata a historia dunha muller maior, que soña cunha viaxe a París e con rematar unha colección de cómics da infancia, e que se resiste a abandonar o piso no que habita desde nena, malia a presión dos fillos e da axencia inmobiliaria; todos eles teñen outros plans para a vivenda. Xulio lago asina a dramaturxia e a dirección da produción cun texto traducido por Aleixandre Lago. As dúas mulleres que dan nome á obra agochan a súa humanidade baixo a férrea armadura de ironía e dureza coa que intentan defenderse dos implacables embates que teñen que afrontar: desafiuzamentos, alzhéimer, desencontro xeracional e outros pequenos asuntos que lles vai impoñendo a imparable dinámica da sociedade capitalista contemporánea.