Anxo Lorenzo mantén a súa aposta pola fusión acústico-electrónica con 'Vortex'

O novo disco do moañés xa está dispoñible e este venres o presentará na Coruña

O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo ven de presentar esta fin de semana o seu novo traballo discográfico, Vortex, o terceiro en solitario da súa carreira tras deixar a formación viguesa Spiritu 986. O pasado día 15 o Círculo de Arte de Toledo acolleu a primicia de presentación en directo deste disco e onte domingo o moañés levou a súa nova proposta á sala Galileo Galilei de Madrid. Este vindeiro venres poderemos escoitalo xa en Galicia, nunha actuación no teatro Rosalía da Coruña e o vindeiro 29 de setembro estará actuando ante a comunidade exterior, no Centro Galego de Bruxelas.

Lorenzo, renovador da gaita en clave de fusión coa electrónica e cunha clara proposta de proxección exterior, ofrece en Vortex, que xa está á venda baixo pedido directo, 10 temas nos que afonda en fusións e arranxos. Cociñado entre Galicia, Irlanda e Escocia, conta con colaboracións moi especiais, como Jarlath Henderson, Germán Diaz e Eoghan Neff, seguindo a liña de experimentación acústica dos seus últimos traballos, Tirán(2010) e Confuxon (2014). En Vortex podemos atopar novas composicións e arranxos sorprendentes onde Anxo unha vez máis volve a expremer as posibilidades da gaita galega e os whistles co seu peculiar "freestyle" buscando novos sons, ritmos e fusións xunto ao fantástico violinista irlandés Eoghan Neff. No disco conta con colaboracións de luxo de grandes músicos que foi coñecendo nos mellores festivais folk do mundo: Jarlath Henderson, Germán Diaz, Eoghan Neff, Ross Ainslie, Ali Levack, Andy May, Pablo Lafuente ou Xabier Aburruzaga. O título do disco remite, en palabras do autor, a "unha transición dun mundo musical mais acústico a outro máis electrónico" no que se plasman perfectamente as inquedanzas musicais dun gaiteiro que tamén toca os whistles e quere experimentar novos horizontes fusionando a gaita galega con otras músicas e músicos do mundo. No seu novo espectáculo, Anxo Lorenzo tamén incluirá algunhas sorpresas e colaboracións acompañado pola súa banda, que está formada por Xosé Liz (bouzuki), Roi Adrio (percusión), Jorge Juncal (teclados/baixo) e o violinista irlandés Eoghan Neff.
Ligazóns