Vedra renova a súa proposta de formación audiovisual co Lav.mov

O encontro inclúe obradoiros de formación e un concurso de realización exprés

12/9/2018 | Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:

A anunciada renovación do LAV de Vedra, o encontro de formación audiovisual que durante dez anos desenvolveu a Asociación Cultural Senunpeso, xa está aquí. A entidade acaba de anunciar a celebración, ao longo da primeira metade de outubro, do Lav.mov, unha fórmula na que se mestura a aprendizaxe coa creación audiovisual. Deste xeito, os días 6 e 7 o novo evento convoca tres obradoiros de formación, un de Videoclips a cargo de Prenom, outro de iniciación ás curtas que impartirá o dúo Gingko e un terceiro titulado Enfocando a dirección do que se encargará Jorge Coira.

Nos días 12, 13, e 14, a coincidir coa ponte de outubro, a organización convoca o primeiro concurso #AFumedeCarozo. O certame de realización exprés convida aos participantes a "crear unha peza audiovisual seguindo uns requisitos revelados pola organización no comezo do festival". Os equipos terán cincuenta horas para desenvolver os seus traballos nas categorías de curtametraxes e videoclips e optarán a 2.000 euros en premios.

Segundo a organización "tras 10 anos (si, 10!!), LAVámoslle a cara ao Laboratorio Audiovisual de Vedra e convertémolo no #LAVmov, porque cremos que é necesario estar sempre en movemento e non estancarse", aínda que destacan que "o espírito orixinal segue sendo o mesmo: aproveitar e compartir os coñecementos, a creatividade e os materiais para ter a posibilidade de facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos".

Que che parece esta nova?
53 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Vedra, Jorge Coira

Claves

Protagonistas
Lugares