
Pablo Lamosa impartirá unha clase sobre efectos visuais e Sandra Montes abordará a preparación para casting de actores e actrices. Canda a estes, o programa achega un obradoiro infantil a cargo de Belén Veleiro que se centrará na construción dun zoótropo e a experimentación cos xoguetes ópticos no cinema.
Como punto forte do programa, a iniciativa convoca unha nova edición do certame de creación de curtas express A fume de carozo. Seis equipos competirán por un premio de mil euros a desenvolver durante 48 horas curtametraxes de non máis de 5 minutos a partir dunhas premisas secretas que dará a coñecer a organización. Os traballos elaborados no marco desta iniciativa proxectaranse o domingo 9 nunha sesión aberta ao público na propia estación. De xeito previo á proxección desenvolverase o TrouLAV, unha sesión festiva amenizada con música.
O xurado deste ano estará formado por Paula Cons, directora, guionista e xornalista; Iria Sobrado, actriz; e Rafa El Puerro, creador audiovisual. Ademais do galardón deste comité, haberá un premio do público, consistente nun lote de produtos locais de Vedra.
Coa cuarta edición do LAV.mov, a Asociación Senunpeso fai quince anos de traballo a prol da formación audiovisual, xa que este formato é herdeiro do Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV), que se celebrou durante dez xeiras e formou máis de 1.500 alumnas e alumnos. O LAV.mov conta co apoio do Concello de Vedra e a Deputación da Coruña e a colaboración da Asociación Papaventos, Modelarte e NordesÃa.