Clubtura establece un procedemento común para o acceso dos menores a salas de concertos

A asociación de salas defende o dereito dos menores de entrar nestes eventos como nos festivais

A Asociación Galega de salas privadas de música ao vivo, Clubtura, co apoio da Asociación Músicas ao Vivo e do colectivo Queremos Entrar, fixo público un comunicado sobre a situación de acceso dos menores aos concertos en locais pechados. O asunto é unha das teimas da asociación que agora se pronuncian respecto os procedementos que pensan seguir todas as salas integrantes para permitir ese acceso nunhas condicións que consideran axeitadas legalmente ante "a difusa e profusa normativa galega" sobre este acceso dos menores de idade aos eventos. As salas que conforman a asociación permitiran o acceso de menores de idade aos concertos que organicen se veñen acompañados polos seus pai, nai, titor legal ou persoas maiores de idade nas que estas fagan unha delegación dun xeito que faga fe na porta do local. O procedemento a seguir comprende a entrega na porta dos locais dunha autorización para o acceso na que se fan responsables deles no interior do recinto. A asociación agarda que nun futuro próximo evolucione a normativa e aqueles menores de entre 16 e 18 anos poidan asistir sen adultos, como xa ocorre noutras comunidades, e sendo debidamente identificados como menores de cara a evitar que se lle venda alcohol, que é o que motiva principalmente estas restricións, que non se dan noutros establecementos de hostalería comúns.

Clubtura, que inclúe a gran parte das principais salas de concertos das catro provincias galegas, lembra que o dereito ao acceso á Cultura está recollido tanto na Declaración Universal de Dereitos Humanos (art 27) como na Constitución Española (artigo 44) sen facer distincións de idade. A asociación di adoptar esta medida "confiando na sensibilidade das diversas administracións local, provincial e autonómica en prol do acceso a cultura nas idades nas que as persoas están a formar os seus gastos e afeccións para o resto das súas vidas." Ademais no mesmo comunicado apuntan que os festivais auspiciados pola Xunta baixo a marca Fest Galicia permitían o acceso de menores con pais, nais e titores e neles hai venda de alcohol e forte presenza visual das marcas de bebidas que os patrocinan. Clubtura sinala en concreto que "o festival que tivo maior apoio económico por parte dun organismo da Xunta de Galicia, O Son do Camiño, anunciaba na súa web que os menores de 16 a 18 anos podían acceder sen compañía, unha vez autorizados polos seus pais no punto de acceso ao festival e portando unha pulseira que os identificaba como menores". As salas recomendan usar tapóns ou proteccións acústicas para os menores nos concertos.