Unha romaría cultural presenta a Plataforma de Artistas e Activistas de Redondela

Artelixo, Millo Verde e o Colectivo Republicano fan parte do novo colectivo

Tres dos colectivos culturais de maior importancia en Redondela, Artelixo, Millo Verde e o Colectivo Republicano, acaban de se integrar nunha nova entidade. Unha romaría cultural servirá mañá, 7 de setembro, de presentación de Sonderedondela a Plataforma de Artistas e Activistas de Redondela. As casas dos mestres acollerán un programa no que haberá pasarrúas, xogos, graffitis, xantar popular ou actuacións como Regueifa Rap, Tábula Rasa, Leo i Arremecaghoná, Haku ou The Gurtels entre outras propostas que se desenvolverán entre as 12 e as 24 horas.

Para alén desta presentación, o novo colectivo, que nace con máis de cen socios, denuncia "a progresiva desafección cara a cultura local, moi activa en Redondela e que nestes últimos anos, se foi desmantelando de maneira dramática e preocupante". Entre os seus obxectivos está "que se ofreza amparo municipal ás actividades que se organicen na vila. Para que os escasos orzamentos culturais se autoinvistan nos axentes locais, os que promocionan verdadeiramente o Concello, de maneira próxima e efectiva. Ou para que se aposte firme polas novas xeracións, reabrindo o local de ensaio e incentivando desde a infancia a arte e a cultura". Entre os proxectos máis inmediatos está gravar un disco de música temática sobre o medio ambiente que se presentará antes de fin de ano.