O verán arrinca con novos lanzamentos de BD

Altar Mutante estrea colección e suma entrega da súa cabeceira

Amair é o título da colección que estrea o selo Altar Mutante Comix. Kike Benlloch guioniza e Luís Sendón corre co debuxo desta serie de "deuses escuros e guerreiros condeados" da que chegará ás librarías o primeiro número nos vindeiros días, con 36 páxinas a branco e negro. O colectivo coruñés anuncia tamén o inminente lanzamento do número 7 do fanzine nai. A nova entrega de Altar Mutante recolle traballos de Kike Benlloch, Diego Blanco, Manel Cráneo, Debelius, Roberto Díez, Super C, Don Rogelio J., Álvaro López ou Luis Sendón, con incorporacións como as de Gaudino, Kike J. Diaz, Gairah Love, Dani Xove e Jaqoba, que tamén corre coa capa.

Está xa en librarías tamén Mascarón de proa, último proxecto autoeditado de Mariano Casas na que presenta unha trama de misterio arredor das estatuas e figuras ambientada en Santiago de Compostela. Pola súa banda, desde a editora viguesa Fosfatina presentan Grundfunken, unha colección de debuxos experimentais realizados por José Quintanar nunha viaxe introspectiva que "nos descobre os riscos dunha linguaxe" a partir do deseño dos coches. En Ourense Foster Edicións continúa a serie Opocalipsis de Jijo Limón, cun terceiro volume das aventuras humorísticas do mundo das oposicións.

David Rubín, pola súa banda, acaba de ver publicados en español, da man da editora vasca Astiberri, as traducións ao español de Black Hammer 2 e mais de Sherlock Frankenstein y la legión del mal, nos dous casos sobre guión de Jeff Lemire para o mercado estadounidense. Tamén se prevé a vindeira aparición do traballo do ourensán na serie Rumble, con guión de John Arcudi.