Rinoceronte editora lanza en galego Fun Home de Alison Bechdel

Vimianzo publica un libro ilustrado histórico de Rubén Rial

A aclamada novela gráfica Fun Home: Unha familia traxicómica, de Alison Bechdel, é a última incorporación á colección de banda deseñada de Rinoceronte Editora. A firma de Cangas acaba de anunciar a chegada ás librarías esta obra autobiográfica na que a autora explora a súa propia adolescencia e a homosexualidade do seu pai. Belén Poutón encárgase da tradución deste inglés desta obra, galardoada cun premio Eisner entre outros recoñecementos. A edición de rinoceronte achega un volume de 240 páxinas impreso a dúas tintas que sairá á venda a un prezo de 19 euros.


En paralelo, o Concello de Vimianzo presentaba onte Unha historia de Vimianzo, libro ilustrado no que Rubén Rial percorre a historia deste concello a través das súas catorce parroquias. A obra sairá publicada en edición limitada e distribuirase da man do propio Concello. O autor contou coa colaboración do Técnico Municipal de Patrimonio, Manuel Rial, e desenvolveu un amplo traballo de documentación histórica e gráfica. O concello xa publicara en 2015, a coincidir co XX Asalto ao Castelo, 1468, unha banda deseñada do mesmo autor que reflicte as revoltas irmandiñas a partir da historia do ataque a esta fortaleza.