Veteranos artistas da beira do Mississippi no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra

Presentouse hoxe o programa da 26ª edición

Presentouse hoxe o programa da 26ª edición
Walter "Wolfman" Washington
Cartel do festival
Cartel do festival
A vixésima sexta cita da cidade de Pontevedra co seu afamado festival Internacional de Jazz e Blues xa ten datase programa completo. Entre o luns 16 e o sábado 21 de xullo a nova edición deste evento encherá a capital provincial de música en diversos formatos. Ademais do jazz de rúa en movemento o programa ofrece seis concertos nas prazas e outras tantas jam sessións nocturnas. O Alfonso Calvo Septet, do contrabaixista compostelán Alfonso Calvo, será quen abra o programa o luns 16 na Praza do Teucro. O jazz galego de novo terá nutrida representación no cartel mentres que desde a beira do Mississippi, Memphis e Nova Orleáns, chegan á beira do Lérez dúas das propostas internacionais que suscitarán grande interese nesta edición. O peche corresponderá tamén a un combo internacional de músicos de jazz brasileño. Cada noite a sala A Gramola acollerá unha jam session a partir da medianoite.

O vocalista e compositor Don Bryant (Memphis, Tennessee 1942) acompañado polos The Bo-Keys, un grupo de homenaxe ao soul e ao góspel con sede en Memphis estarán na Praza da Ferraría o día 18. Tamén na mesma praza o día 20 estarán Walter "Wolfman" Washington e a súa banda habitual The roadmasters. Wolfman (1943) é un cantante e guitarrista que naceu e vive en Nova Orleáns, onde é considerado unha das súas principais figuras musicais. As súas raíces beben do blues, pero compleméntanse con outros estilos como o funk e o R&B , para crear un son propio e único, perfectamente recoñecible. O evento contará tamén coa actuación de Nomads, unha banda formada ex professo para este festival, que reúne a artistas das dúas beiras do Atlántico. O vibrafonista norteamericano Joel Ross, dende Cuba á trompeta Jorge Vistel e os galegos Naima Acuña, Xan Campos e Paco Charlín. O Abe Rábade Trío tamén acude este ano á cita co Festival de Pontevedra que se pechará o sábado 21 coa actuación do Stéfano Bollani "Que bom" Quintet, no que xunto aso pianista italiano hai grandes representantes da música instrumental brasileira como Jorge Helder no contrabaixo, Jurim Moreira na batería e o que foi integrante do Pat Metheny Group, Armando Marçal na percusión, flanqueados aquí polo percusionista Thiago da Serrinha.

Polas jam.sessions da sala A Gramola pasarán nas noites do festival os tríos liderados por Miguel Ponce, Sunil López, Brais Lorenzo, Pedro Freijeiro e Javier Abraldes, ademais do dúo Vinseiro & Gilino. O sábado 21 tamén haberá unha sesión vermú ás 13:00 h na Taberna do Jazz (rúa San Sebastián, 19) a cargo do Andrea Traverso Quartet. Todos os concertos son de entrada libre e de balde.