A sociedade do patrimonio

O terceiro sector cumpre un papel fundamental no traballo sobre o patrimonio inmaterial galego

O terceiro sector cumpre un papel fundamental no traballo sobre o patrimonio inmaterial galego
Lavadoiro do Carme en Compostela. Tirado da publicación Camiños da auga do Concello de Santiago
O peso do asociacionismo revélase como fundamental no traballo a prol do patrimonio, tanto inmaterial como material, no noso país. Para alén de compilar, investigar ou difundir este legado, o labor de colectivos sociais amosa tamén os xeitos nos que nos relacionamos co noso pasado. No entanto, o papel que o terceiro sector desenvolve neste ámbito non fica libre de debates.

O Consello da Cultura Galega acollía o pasado día 22 de maio a xornada Retos na xestión do patrimonio inmaterial. Durante a súa intervención neste encontro a antropóloga Nieves Herrero defendeu que "unha óptica esencial para observar a situación do patrimonio en Galicia é prestar atención ao asociacionismo". Nese sentido a antropóloga Cristina Sánchez-Carretero, directora do proxecto Metodoloxías colaborativas para o inventario de patrimonio inmaterial do Instituto de Ciencias do Patrimonio Incipit-CSIC e coordinadora da xornada, sinala que "sobre todo hai unha demanda social, un activismo e un movemento moi dinámicos en moitos destes temas. Están a se desenvolver desde proxectos vencellados á memoria histórica ou a historias de mulleres ata moitísimas cousas no campo da etnomusicoloxía ou de saberes tradicionais, como é o caso da carpintaría de ribeira". Toda esta actividade contrasta ao seu ver "cun certo desequilibro na resposta que se dá desde a Administración" a estas cuestións. No entanto, o recente interese das institucións por este tipo de manifestacións culturais, con declaracións de BICs e outros recoñecementos está a xerar novos debates sobre o xeito de traballalas e preservalas.

Dous grandes fitos
No entanto, entre os referentes na sociedade galega á hora de falarmos do traballo con estes bens, é inevitable mencionar propostas que xurdiron da base. Entre eles, o Proxecto Ronsel, do que Pablo Carpintero, un dos coordinadores, defendía o seu carácter social. "Estivemos a traballar catro anos e só houbo financiamento público en doce meses do proxecto", lembraba na súa intervención na xornada do Consello da Cultura. A iniciativa, que desde 2007 congregou investigadores e activistas de diversas áreas do patrimonio inmaterial, tivo como grande logro a elaboración dun Plan Salvagarda e Posta en valor e mais un portal web dedicado a estes ámbitos, aínda que a súa actividade ficou practicamente paralizada logo da mudanza de goberno autonómico. "Este é un exemplo de como este tipo de políticas non poden ser proxectos que se rompan a depender de decisións políticas concretas", explica Sánchez-Carretero. Canda a este, o labor de Ponte...nas ondas! e a candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués á UNESCO supuxeron fitos imprescindibles no recoñecemento deste tipo de bens. Na actualidade constituída como organismo consultivo da axencia cultural da ONU, o colectivo "está en proceso de revitalizar unha candidatura deste patrimonio á listaxe de mellores prácticas. É impresionante a tarefa que desenvolven en centros educativos", explica esta investigadora.

Máis fitos
Canda a estas propostas, a ampla base social coa que conta a música e baile tradicional, con múltiples organizacións e entidades dedicadas á recolla e investigación destas manifestacións patrimoniais son outro dos fitos que destaca a coordinadora do Participat. "Hai referentes como aCentral Folque" que para alén do ensino de instrumentos organiza diferentes eventos e recupera na colección A chave mestra o traballo de mestres da tradición. "Tamén esta á o traballo de arquivos como o do Patrimonio Oral e da Identidade da Museo do Pobo e de moitas outras iniciativas. O problema é conseguir que se manteñan ao longo do tempo", lamenta Sánchez-Carretero. A estes pódense sumar proxectos con anos de actividade como a sección de Literatura Oral da AELG, coas súas Polafías e os recoñecementos aos Mestres da Memoria ou o portal web Galicia Encantada que compila lendas e elementos da tradición. Herrero pola súa banda engade como caso destacado "a recente creación en Galicia da Rede do Patrimonio Cultural, integrada por cerca de oitenta asociacións. Canda a outros colectivos que están en marcha, son un síntoma da vitalidade deste asociacionismo, da súa extensión por toda Galicia, da diversidade e extensión dos bens que valoran e da variedade de desafíos que desenvolven". No mesmo sentido, a investigadora tamén salienta como "absolutamente admirable o traballo que desenvolven algúns mestres e mestras no espazo educativo arredor do patrimonio. Propostas como Ponte... nas ondas! ou o premio do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, do Museo do Pobo, amosan un traballo absolutamente abrumador e sorprendente. Pero vemos que na maior parte dos casos non está articulado" con outras políticas no mesmo sentido. "O alumnado descobre nos centros do ensino o patrimonio do concello pero no propio concello non hai políticas que se articulen con esas actividades da educación formal".

Iniciativas recentes
Canda a algúns dos fitos xa comentados, na xornada do Consello da Cultura presentouse o traballo de iniciativas como a Sociedade Antropolóxica Galega, o proxecto Morreu o Demo, dedicado á recuperación dos títeres tradicionais e da súa memoria, ou a iniciativa Música en Branco, que explorou a memoria sonora do barrio coruñés da Agra do Orzán. Canda a elas, a proposta Louceiros de Bamio, o traballo arredor do patrimonio da cooperativa MaOs desde diferentes perspectivas ou o labor que está desenvolver a Confraría de Muros estiveron tamén presentes no encontro.

Bens con militancia
No entanto, a raizame e o recoñecemento social deste tipo de patrimonio varía enormemente segundo os casos. Deste xeito, ámbitos como poden ser o canto e o baile tradicional contan cunha nutrida militancia cultural no país, que leva décadas a se preocupar por recoller, documentar e transmitir este legado por todo o país. De feito, o músico e investigador Xosé Lois Romero ten chegado a afirmar que o movemento arredor deste campo é "a actividade máis masiva" do país e que mesmo "supera o fútbol" en participantes. Escolas, agrupacións de música tradicionais, conxuntos, individuos, investigacións a nivel universitario, concursos, programas televisivos ou festivais manteñen esta manifestación viva e activa. Tamén o patrimonio marítimo e fluvial conta cunha activa base social leva anos a se visibilizar e a crear espazos propios. Encontros de embarcacións, escolas, intercambios internacionais e propostas divulgativas conforman un grupo de presión que se revelou imprescindible para que declaración da carpintaría de ribeira obtivese a declaración de Ben de Interese Cultural. Noutro sentido, artesanías como a olaría contan tamén desde hai anos un certo recoñecemento, en boa medida grazas ao empeño de pioneiros como Luciano García-Alén e ao apoio de diversas institucións. Museos, centros de interpretacións, marcas de artesanía recoñecidas, investigacións e novos creadores que continúan co labor tradicional e innovan a partir do mesmo amosan a viabilidade destes coñecementos.

Patrimonio pouco recoñecidos
Fronte a estes, outros tipos de manifestacións non conta co mesmo grado de militancia ou institucionalización. Así, moitos do colectivos promotores dos entroidos tradicionais comezaron moi recentemente a reclamar a importancia destas festas como patrimonio cultural, logo de anos de orientación destas festas cara ao turismo. Así o amosa que houbese que agardar ata 2017 para que abrise o primeiro museo desta temática no país ou a xuventude das xornadas específicas que sobre a festividade se desenvolven en Pontevedra, aínda na sexta edición. Pola súa banda, o traballo da pedra en seco, outro elemento inmaterial que a Xunta integrou no seu censo en 2016 carece de entidades e colectivos artellados que velen pola súa transmisión e recoñecemento, fóra do traballo da Escola de Canteiros de Poio, único referente no país sobre esta artesanía.

O papel das asociacións
A repasar o papel que cumpre o movemento asociativo arredor do patrimonio, tanto material como inmaterial, Nieves Herrero lembraba na xornada do Consello da Cultura o traballo do investigador Antonio Ariño sobre o caso valenciano. "Analiza unha situación bastante parecida á que se dá aquí. Fala da heteroxeneidade dos bens que protexe o asociacionismo, e como o mesmo supón unha ampliación do repertorio oficial de bens patrimoniais, con cuestións como a defensa de patrimonios modestos. E logo sinala tamén a inmensa tarefa que fan estes colectivos no ámbito da sensibilización social en liñas como recuperación, investigación, inventario, xestión, defensa, denuncia ou a reivindicación. Hai asociacións que manteñen museos ou que desenvolven un traballo educativo esencial", explica. A maiores, "Ariño tamén fala de como estas iniciativas responden á tentativa de producir un espazo social próximo dotado de significatividade e de calidade de vida. Este é un diagnóstico que tamén podemos subscribir".

Ollármonos no patrimonio
Así, este movemento di tamén moito sobre a nosa propia sociedade. "Como nos indica o investigador Néstor García Canclini, as asociacións cívicas e culturais que toman como foco de actuación o patrimonio ofértannos unha óptica para observar como se relacionan as persoas cos manifestacións culturais do pasado. Que cousas valoran, como o valoran, como interpretan e utilizan aos sentidos das expresións culturais do pasado para lle dar sentido ás súas vidas no presente, transformándoas e resignificándoas" explica Herrero. Nunha liña similar, esta investigadora incidiu nas investigacións de Llorenç Prats, quen fala tamén do "patrimonio local como foro da memoria, que debe ser investigada pero tamén dinamizada", ou de Francisco Cruces, quen apunta o papel do patrimonio como "ámbito de reflexividade para a sociedade, un espazo para pensar quen somos, como queremos ser e como queremos ser recoñecidos". A maiores, "vendo as distintas asociacións e as súas actividades, como no caso da Rede do Patrimonio, vemos tamén un síntoma. Isto non deixa de responder ao baleiro das políticas institucionais tal e como se reflicte no manifesto fundacional da Rede. Os escasos orzamentos da administración, a situación crítica do patrimonio e os novos desafíos", advirte.

O peso do mercado
Malia a importancia do labor asociativo neste campo, Herrero advirte de que a actuación social sobre o patrimonio non sempre consegue fuxir das lóxicas de mercado ás que están sometidas, ao seu ver, moitas das políticas sobre patrimonio que se desenvolven no país. "Isto é importante porque quizais desde a sociedade civil tamén nos transformamos en creadores de produtos para o mercado. Mesmo nas estratexias de participación poden agocharse estratexias neoliberais. Poden ser mecanismos cosméticos cando a esa participación non se traduce na toma de decisións sobre este patrimonio polas propias comunidades. Tamén cómpre ter coidado coa apropiación da creatividade social que se produce en torno ao patrimonio por parte do mercado". E apunta como exemplo o xeito no que distintas asociacións de Amigos do Camiño de Santiago rexeitan o proceso turistificación da ruta logo de anos de traballo desde unha perspectiva voluntarista e da cultura como ben público. "Cómpre ver onde nos conduce a patrimonialización, os recoñecementos internacionais como os da UNESCO, supostamente protectores. Poden levar mesmo a propostas de despatrimonialización ou de contrapatrimonialización sobre as que deberiamos pensar".

A cuestión do suxeito
Unha cuestión que se repite a miúdo a falar de patrimonio inmaterial é a dificultade de definir a comunidade que mantén e desenvolve ese patrimonio e que, polo tanto debe ser protagonista das accións de salvagarda. Nese sentido, na súa intervención durante as xornadas, Pablo Carpintero advertiu do complexo papel das asociacións en relación aos portadores orixinais do patrimonio inmaterial. "No traballo no Proxecto Ronsel a comunidade tiña moitas veces unha identificación directa con asociacións culturais que se dedicaban ao traballo do liño ou a recuperar a malla, poñamos por caso. Para nós foi moi importante traballar coas asociacións, e tamén cos portadores como persoas individuais, porque no noso país non teñen unha comunidade organizada, pero son persoas que actúan especificamente sobre eses bens". Así, nas reunións para elaborar o Plan de Salvagarda, "houbo unha importante representación de portadores. Había, mariñeiros, carpinteiros de ribeira, alfareiros, construtores ou gaiteiros", canda a representantes do mundo do asociacionismo ou investigadores. A amosar a complexidade desta relación, Carpinteiro, que tamén actuou como consultor para a UNESCO, comentou a proposta de declaración como BIC do Baile Tradicional Galego. "Ten unha redacción demencial. Supón unha tentativa de apropiación por parte dos grupos folclóricos dunha tradición que está aínda viva, e iso é horrible. Non quero dicir que estes grupos non teñan o seu valor como ensinantes de música tradicional, pero non son bailadores tradicionais, son cousas diferentes. É marabilloso que o goberno queira declarar iso BIC pero hai que lle dar unha volta inmensa porque os portadores non están no órgano de xestión previsto, son suplantados directamente por algunhas asociacións, que terán que están tamén presentes".

O labor individual
Para alén do traballo en asociacións, Rafael Quintía lembraba tamén no debate que se deu durante a xornada a responsabilidade individual sobre o patrimonio inmaterial. "Nós tamén somos portadores. A cultura non é algo alleo ás persoas. Eu cando lle conto mitoloxía á miña filla son un transmisor do que me contaron e do que recollín. Cando eu participo nun rito como unha romaría, sexa no bochinche tomando un vermú ou na misa, cada un participa no ámbito que quere, son portador tamén. A cultura vai comigo e hai que a consumir, cada un de nós somos portadores e transmisores, temos a responsabilidade de que esa cadea de transmisión oral que transmitiu sempre este legado tamén perdure aínda que haxa novas formas de transmisión. Cada un de nós é tamén un comercial da súa cultura".

O encontro do pasado 22 de maio fechou con numerosos chamamentos de colectivos e de particulares presentes por artellar unha rede de colaboración que permita o intercambio de experiencias de cara a abrir unha nova fase no traballo asociativo sobre estes bens. A compilación de iniciativas que o proxecto que dirixe Sánchez-Carretero, integrado á súa vez no Proxecto Geoarpad: Patrimonio Cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: Valoración e Innovación quere elaborar sobre esta cuestión preséntase como unha primeira ferramenta nese camiño.
Ligazóns