Pontevedra acolle o festival de música en galego Galegote Rock

Novas confirmacións nos carteis do Revenidas, Vive Nigrán e outros eventos

Xa está en marcha en Pontevedra unha nova edición do Galegote Rock, o festival de bandas en lingua galega. A Sala Karma acollía onte as primeiras actuacións do programa que terá o seu punto álxido estre sábado nunha carpa situada na Praza da Pedreira con entrada libre. Oito banda e dúas sesións de Dj encherán o sábado de música en galego desde as 12:30 do mediodía. Hoxe será a formación Monoulious DOP a que actuará no Pub El Pequeño da Sala Karma, para mañá o programa o abrirá SonDaRúa e inclúe os concertos de Cinta Adhesiva; Espiño; Esposa; Ataque Escampe; Os Amigos dos Músicos; Dakidarría; The Lelly Kelly’s e as sesións de Sr. Fiuza e Manuele Tremendo Caamagno.

Esta semana puidemos saber tamén máis novidades doutros festivais que avanzan nomes e datas para axudar a que o público indeciso vaia elixindo a súa oferta. É o caso do Revenidas de Vilaxoán que ven de confirmar para a súa XVª edición, entre o 17 e o 19 de agosto, nove nomes no seu cartel: Russkaja; Auxili; Ayax y Prok; High Paw; Joan Garriga de La Troba Kung-Fú; Keltoi!; ZOO; Steve'n'Seagulls e Banda Xangai. Tamén segue a sumar propostas á súa segunda edición o Vive Nigrán Picnic Pop, que engade ás anteriores confirmacións as bandas The Limboos, Mujeres e Cala Vento para os días 20 e 21 de xullo. Os de Nigrán terán que competir en axenda co Sil Fest de Valdeorras que coincide nas mesmas datas e que este ano celebra a súa terceira edición tras da cancelación o pasado ano. O evento que celebra na Praia Fluvial de Valdeorras reunirá, ademais de actividades culturais variadas ee gastronomía, as actuacións dunha boa mostra de música independente, entre a que ahi varias bandas locais. Polo Sil Fest pasarán Nunatak; Dinero; The Handicaps; Inerttes; The Parrots; Grises; Azor 91; Sr. Jingles e Los Iñigos. Antes destas datas e xa con cartel completo o Touliña Pop de Sada se celebrará o vindeiro día 5 de maio na localidade coruñesa grazas á asociación cultural do mesmo nome e ao Concello da localidade. Este festival dedicado á cultura Rock & Roll e estilos musicais como o soul, garaxe, punk e Power Pop ofrecerá nunha carpa situada na Praza Irmáns Picallo os concertos de The Flaming Sideburns, Los Pepes, The Imperial Surfers, Hollywood Sinners e The Canallas.