A produtora Chelo Loureiro leva o premio honorífico do Festival de Cans

Isabel Blanco leva o Premio Chimpín polo seu apoio ao evento audiovisual

A Asociación Arela, organizadora do Festival de Cans, decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2018, o seu máximo galardón honorífico, á produtora Chelo Loureiro (Ferrol, 1957), “unha muller cun papel imprescindible na construción do audiovisual galego nas últimas dúas décadas” segundo os outorgantes. Chelo Loureiro recolleu este mesmo ano o Premio Mestre Mateo de animación outorgado á súa empresa Abano Producións Abano pola obra The Neverending Walls e o pasado ano recolleu o Goya pola curtametraxe de animación Decorado. Para a asociación, Loureiro é unha das nosas produtoras “máis recoñecidas e máis audaces, mais tamén unha persoa moi implicada socialmente na loita polo recoñecemento das mulleres dentro do eido audiovisual”. Nese sentido Chelo Loureiro é unha destacada representante da asociación de carácter estatal CIMA que ten como obxectivo poñer en valor o papel da muller no sector audiovisual. Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, á actriz Isabel Blanco, unha teimuda defensora do Festival de Cans desde as súas primeiras edicións, e aos veciños Constante Romero e Chelo Casalmorto, propietarios do coñecidísimo “Cuberto de Chelo”, no que se proxectan as curtametraxes a concurso do festival. Todos eles recollerán o seu premio na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 25 de maio no Torreiro de Cans. O acto rematará coa colocación de estrela de Chelo Loureiro.