Compostela recupera o Banquete de Conxo

Celebrarase o 21 e 22 de abril

O 21 e 22 de abril, Santiago de Compostela celebrará unha festa de conmemoración do Banquete de Conxo, o famoso episodio celebrado en 1856 no que estudantes como Eduardo Pondal, Manuel Murguía ou Aurelio Aguirre, realizaron un banquete de confraternidade cos obreiros e artesáns da cidade. O Banquete celebrouse na Carballeira de Conxo e considerouse un dos puntos de partida do Rexurdimento literario e político de Galicia. O Concello de Santiago deseñou unha festa con vontade de permanencia na que, no programa provisional, conviven mercados culturais e artesás, con visitas guiadas ao recén aberto Bosque de Conxo, mesas redondas sobre a relevancia do banquete e sobre o antigo concello de Conxo, así coma un banquete de celebración. A pregoeira será a profesora e veciña de Conxo Marisa Álvarez Garea.