Eme2 estrea 'A Leituga' no Teatro Rosalía da Coruña

Aborda en ton traxicómico unha situación familiar arredor do coidado dun dependente

Tras unha función de pre-estrea a pasada semana, a nova produción da compañía Eme2 , A Leituga, estrearase este venres no Teatro Rosalía Castro da Coruña como parte do programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Xosé Barato, Mercedes Castro, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez e María Vázquez interpretan esta comedia tráxica sobre os asuntos non resoltos dunha familia que se reúne para celebrar o aniversario do pai enfermo. Víctor Duplá é o director desta proposta, a partir da obra de César Sierra traducida ao galego por José Luis López Roca. Na obra preséntanse cinco familiares (tres irmáns e as súas parellas) reuníndose na casa da irmá maior para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en coma dende hai nove anos. A discusión por ver quen se encarga dos seus coidados fai que o que semella unha sinxela xuntanza acabe converténdose nun enfrontamento tenso que supón o centro desta comedia tráxica. Así, A leituga aborda a través do conflito íntimo os asuntos non resoltos, o sacrificio e a culpa, dentro da reflexión sobre o dereito á vida e o dereito á morte. A obra representarase o venres día, 6 ás 20,30 h., cun segundo pase o sábado á mesma hora. A compañía levará despois a produción polos escenarios de Ourense, Oleiros, Narón, Vimianzo, Vilagarcía, Vigo, Serra de Outes e As Pontes, inicialmente.


A Leituga from Mercedes Castro on Vimeo.

Ligazóns