Crease no Arde Lucus o Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

Esta primeira edición reunirá a seis ilustradores en obradoiros e actividades en abril e xuño

O Iº Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, que contará con algúns dos principais especialistas galegos en ilustración, celebrarase no marco do Arde Lvcvs Cvltvral, e terá lugar ao longo do mes de abril no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). A idea deste encontro organizado desde o Concello lucense é achegar a todos os públicos a importancia que a ilustración pode ter para ensinar e mostrar parte da historia de Lugo, a través do noveno arte. Neste primeiro encontro participarán os ilustradores Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro e Manel Cráneo, coordinador artístico do evento. Así, esta innovadora proposta, impulsada polo Concello de Lugo e na que colabora o portal www.historiadegalicia.gal e Demo Editorial, toma forma por primeira vez en Galicia no Arde Lucus e estará dividida en dúas partes; unha máis didáctica e educativa e outra práctica.

A primeira delas realizarase desde o 6 ao 21 de abril con obradoiros teóricos e prácticos de cómic histórico como parte do Arde Lucus Cultural. Constará de tres sesións teóricas e dous obradoiros prácticos. Nos primeiros participarán os ilustradores Manel Cráneo, Pepe Carreiro e José Barreiro que falarán da banda deseñada histórica en Galicia, especialmente, da época romana e castrexa. Manel Cráneo abordará o venres 6 de abril o Proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica. Pepe Carreiro, o creador dos Bolecha, abordará o día 13 de abril o mundo dos Barbanzáns e a Cultura castrexa en banda deseñada e José Barreiro, o venres 10, Roma na banda deseñada. Todas as charlas comezarán ás 20.00 horas. Pola súa banda, os obradoiros prácticos terán lugar o sábado 14 e o sábado 21. O primeiro para nenos e o segundo para adultos. Nestas sesións, os ilustradores Victor Boullón e o lucense Miguel Fernández ensinaránlle aos participantes a debuxar romanos e romanas e castrexas e castrexos.Algunhas das ilustracións resultantes destes obradoiros poderían aparecer publicadas na web oficial do Arde Lucus e serán distribuídas a través das redes sociais deste I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia.

Roteiro cos ilustradores
A segunda parte terá lugar o sábado 16 de xuño na mesma festa do Arde Lucus, onde os seis ilustradores que participan neste evento se situarán en lugares estratéxicos da cidade para tentar recrear a través dos seus debuxos o Lucus histórico que recrearán as distintas entidades, asociacións e veciños que participan na festa. O obxectivo é tentar representar en banda deseñada o ambiente que tería a antiga Lucus Augusti. Posteriormente haberá unha xuntanza para que os autores poñan en común os seus traballos, valorar as ilustracións realizadas e proxectar a posible publicación dos traballos a través dunha viñeta historiada.