O CCG propón o incremento dos orzamentos públicos de cultura ata o 1 por cento "nos próximos catro anos"

Nun informe entregado ao Conselleiro de Cultura

A cultura produce un 2% do PIB galego e supón un dos activos estratéxicos máis relevantes de Galicia, segundo explica o CCG no informe Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI. O CCG sinala que "resulta aconsellable un incremento no orzamento en cultura da Xunta congruente coas achegas do sector cultural ao emprego e ao PIB de Galicia", pasando por incrementar o 0,65% do orzamento da actualidade ao 1% do gasto público consolidado "nos próximos catro anos e a un 1,5% nun prazo de dez anos". Así o manifestou o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, durante a entrega do documento Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI ao conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.



Este informe é o resultado do convenio subscrito entre as dúas entidades para a elaboración dunha análise básica que empregará o Goberno galego para a elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021, as liñas xerais de actuación da administración pública autonómica no ámbito da política cultural. No acto tamén estiveron presentes Xosé López, secretario do Consello da Cultura Galega, e Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Incrementar o orzamento público en cultura da Xunta de Galicia, coordinar e integrar máis as políticas culturais das diferentes administracións, mellorar a presenza da cultura galega no exterior e asumir os retos da dixitalización son algunhas das propostas que realiza o Consello da Cultura Galega para as futuras políticas públicas da cultura en Galicia.

O documento, que pode ser consultado no web corporativo do CCG, establece signos positivos e negativos da cultura galega, e unha serie de liñas de acción prioritarias desde a perspectiva da política cultural pública. É o resultado dun traballo estatístico e cualitativo, no que se empregan todo tipo de fontes primarias: desde entrevistas a expertos ata o acceso a todo tipo de fontes estatísticas, algunhas delas pouco usadas no ámbito cultural.

Accións que deberan ter prioridade

Vinculado a isto, o CCG na súa Diagnose sinala a necesidade de "implementar políticas culturais de natureza interinstitucional", debido á "inexistencia" na actualidade dunha política coordenada de programación de actividades entre as diferentes administracións do país.
Na Diagnose, o CCG chama a atención ao redor da "pouca presenza" da cultura galega no espazo dixital e recomenda ao goberno "reforzar políticas públicas destinadas a potenciar o tecido de medios de comunicación e plataformas de cultura en lingua galega".

O Consello da Cultura Galega sinala prioritario comezar a dispoñer de estatísticas en numerosos ámbitos culturais dos que aínda se carece de información fiable, co gallo de poder realizar políticas públicas máis precisas. Esta información máis precisa é fundamental, segundo o CCG, para poder deseñar "políticas específicas e integrar a cultura exterior na dinámica xeral do sector cultural galego".

Signos positivos e negativos
Na diagnose, o CCG sinala signos negativos e positivos no sector cultural galego na actualidade. Entre os negativos, sinala a ausencia de datos sobre moitos dos ámbitos da cultura do país, os elevados recortes orzamentarios aos que se viu sometida a cultura por parte da administración nos últimos anos e a falta dunha estratexia xeral ao redor da cultura. Tamén destaca a escasa profesionalización de moitos ámbitos culturais ou a presenza dunha cultura da gratuidade que reduciu o valor dos contidos culturais, así como a escasa presenza de programación cultural no rural. O informe tamén salienta a "mala percepción social da xestión pública do patrimonio cultural" e o descenso do apoio da administración pública ao eido do libro en galego.

Entre os aspectos positivos, o CCG destaca a "gran relevancia social e peso económico" da cultura en Galicia, que xera un 2% da riqueza galega e á que están vinculados un 3% dos traballadores. A Diagnose sinala o "bo comportamento" da asistencia a espectáculos e unha "incipiente" recuperación do gasto público en cultura, combinado cunha mellora do diálogo e cooperación entre poderes públicos. Tamén chama a atención sobre unha sociedade civil activa e organizada ao redor da cultura e o interese que esperta Galicia como destino de turismo cultural.