A Panadaría conquista a noite dos María Casares

Unha gala de reivindicación, risas e emoción celebrou o 40 aniversario do teatro profesional galego

Unha gala de reivindicación, risas e emoción celebrou o 40 aniversario do teatro profesional galego
Galardoadas e galardoados nos XXII Premios María Casares Foto: S. Montes
A vixésima segunda edición dos Premios María Casares do Teatro Galego foron unha festa de aniversario da escena profesional de Galicia. A gala dirixida por Artur Trillo e conducida por Talía Teatro contando cun perfecto repertorio musical do Coro Encaixe foi unha celebración na que todo tipo de emocións e sentimentos tiveron sitio no escenario do Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Nove espectáculos competían nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns. Tres espectáculos repartiron a meirande parte dos premios e houbo momentos para a reivindicación, o recordo, a risa e o enxeño poético. Era o Día Mundial da Poesía, como lembraron as poetas Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado) ao ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro no que chamaban á risa como chave da liberdade contra todo o escuro e ao teatro como república de esa liberdade. As encargadas do manifesto tamén pediron a existencia dunha categoría de monicrques nos María Casares.

A violeta foi a cor escollida para iluminar o escenario durante o discurso institucional de Nieves Rodríguez, na súa benvida dirixida ás mulleres da profesión, na que tamén houbo lugar para a defensa da liberdades de expresión e a reclamación dun cambio no modelo do Centro Dramático Galego cara a unha situación de autonomía e con recursos que garantan unha produción propia en aumento. A presidenta da AAAG recordou que a institución de teatro público naceu en 1984 a raíz "dun pacto entre a administración e a profesión", pacto que "debe reeditarse" para que "o CDG de mañá non sexa o de hoxe". "Ha ser un CDG no que nos identifiquemos tanto a profesión coma o público, no que a selección de elencos non acapare atencións, o que a produción propia non se reduza a un só espectáculo por temporada con dez intérpretes sobre o escenario", concluíu Nieves Rodríguez.

Do violeta ao muilticolor coa Panadaría
A benvida feita en feminino plural por Nieves Rodríguez, Presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, anfitrioa do acto, levou a unha apertura de sobres que foron caendo en mans de tres producións: Elisa e Marcela; A cabeza do Dragón e Resaca, que se fixeron cada unha con catro das xerras de Sargadelos que acreditan o premiado. Outono, de Pistacatro acadou o premio a Mellor maquillaxe e A Galiña Azul de Tanxarina o de mellor espectáculo infantil. Malia o repartido do palmarés en números entre tres espectáculos que acumulan cada un catro xerras foi a obra Elisa e Marcela da compañía A Panadaría a que lucindo a bandeira LGTB do arco da vella levou para casa os galardóns máis importantes da noite: Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Texto Orixinal e Mellor Actriz Protagonista. Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman e Gena Baamonde subiron por vez primeira ao escenario, fornecidas de espesos mostachos , a recoller o premio ao Mellor Texto Orixinal. Bolado repetiría en solitario para recoller de Mellor Actriz Protagonista e Gena Baamonde para o da Mellor Dirección. Todas xuntas xunto co resto do equipo de A Panadaría subiron a encher o escenario na entrega do Premio ao Mellor espectáculo do 2017. Vitoriosas ante o atril usaron o seu tempo para ademais dos recoñecementos e agradecementos, facer unha acendida reivindicación da identidade sexual libre representada na historia real de e unha chamada á normalización da vida homosexual na sociedade.



O Coro Encaixe abriu a gala elixindo o tema Leverelem de Marful co que xa acompañaría a entrega de cada galardón e deixando claro que "É um debate sem limite como fazer a perfeita revoluçom". O elenco de Talía teatro, dirixido por Artur Trillo cun guión do propio Artur e de Diego Rey, conduciu a noite polos roteiros da risa modulando a acidez para facer da gala un espectáculo integral. Escenas sobre as situacións comúns de quen decide dedicarse profesionalmente ao teatro alternáronse cun divertido anecdotario que, celebrando o 40 aniversario da profesión, escenificadaba algunhas das estravagantes situacións polas que pasaron compañías, autores e actores en representacións e viaxes nestas catro décadas. Acaecidos dos inicios de Chévere, de Canddio Pazó, Roberto Vidal Bolaño ou da propia compañía Talía entre outros foron recibidos con familiaridade e complicidade pola familia dramatúrxica asistente no Rosalía de Castro.

Momentos de emotividade e recordo

O ecuador da noite chegou antes das entregas dos principais premios artísticos e marcouno a interpretación a cargo do Coro Encaixe do tema Esta noite do desaparecido Fran Pérez "Narf" co que se fixeron os “In memorian” que lembraron a Fely Manzano , Xoán López Eirís e a Mateo González, o actor que faleceu o pasado ano ao caer á dársena tras a celebración da XXI edición destes mesmos premios. Foi o momento máis emotivo da noite e mesmo fixo saír algunhas bágoas no patio de butacas. Na seguinte apertura de sobres ás mellores actuacións Cándido Pazó chamou a superar a carga de emoción que todo o auditorio compartía.

Iván Marcos foi un dos protagonistas da noite ao recoller o María Casares ao mellor actor protagonista pola interpretación en A Cabeza do Dragón (Producións Teatrais Excéntricas). O actor fai este ano dupla celebración de recoñecementos tras recoller recentemente un premio da mesma categoría nos Mestre Mateo do audiovisual polo seu traballo na multipremiada Dhogs. A interpretación de Víctor Mosqueira na mesma obra que Marcos levouno a recoller tamén a xerra como Mellor Actor Secundario, o terceiro que recibe nesta categoría ademais doutro como mellor protagonista que tamén obtivo en 2009. O director da , Quico Cadaval subiu tamén a recoller o premio á Mellor Adaptación /Tradución pola obra de Valle-Inclán, momento que aproveitou para lembrar que era a súa a primeira obra do dramaturgo verquida ao galego representada sobre ás táboas de xeito profesional. Un fito para a escena galega no 2017.

En presenza de do resto da Xunta Directiva Mabel rivera, Vicepresidenta da AAAG, foi a encargada de entregar o Premio de Honra Marisa Soto e Rosa Álvarez. Un momento emotivo tamén xa que Rivera, Soto e Álvarez compartiron tamén o fito de montar a primeira compañia profesional feminina do país, teatro do Malbarate. Ante un auditorio posto en pé Rosa Álvarez recolleu a xerra cun discurso de especial recordo a Marisa Soto. Para a actriz, de ser este o final da súa carreira sería un “colofón perfecto” por ser recollendo un premio que leva o nome da súa desaparecida compañeira. O teatro profesional galego pechou a parte escenográfica da festa do 40 aniversario coa decisión clara de que sobre un escenario “pode facerse de todo”.

GAÑADORES POR CATEGORÍAS SEGUINDO A ORDE DE ENTREGA

1. MELLOR MAQUILLAXE:

Trini F. SILVA por OUTONO, espectáculo da compañía Pista Catro

2. MELLOR VESTIARIO:

Suso Montero por A CABEZA DO DRAGÓN, espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas

3. MELLOR ESCENOGRAFÍA

Marta Iturralde e Montse Piñeiro por RESACA; espectáculo de ilMaquinario Teatro

4. MELLOR ILUMINACIÓN

José Manuel Faro 'Coti' por RESACA, espectáculo de ilMaquinario Teatro

5. MELLOR MÚSICA ORIXINAL

Vadim Yukhnevich por RESACA, espectáculo de ilMaquinario Teatro

6. MELLOR ADAPTACIÓN/TRADUCIÓN

Quico Cadaval por A CABEZA DO DRAGÓN, espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas

7. MELLOR TEXTO ORIXINAL

Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman e Gena Baamonde por ELISA E MARCELA, de A Panadaría.

8. MELLOR ACTOR SECUNDARIO

Víctor Mosqueira, por A CABEZA DO DRAGÓN, de producións Teatrais Excéntricas.

9. MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA

Laura Míguez, por RESACA, de IlMaquinario Teatro.

10. MELLOR ACTOR PROTAGONISTA

Iván Marcos, por A CABEZA DO DRAGÓN, de Producións Teatráis Excéntricas.

11. MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA

Areta Bolado, por ELISA E MARCELA, de A Panadaría

12. MELLOR DIRECCIÓN

Gena Baamonde, por Elisa e Marcela, de A Panadaría.

13. MELLOR ESPECTÁCULO INFANTIL

A GALIÑA AZUL, de Tanxarina

14. MELLOR ESPECTÁCULO

Elisa e Marcela, de A Panadaría