A lingua e o deporte protagonizan os XX Encontros de Normalización

O foro repasa a súa traxectoria a coincidir cos 25 anos da primeira edición

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:
A lingua e o deporte protagonizan os XX Encontros de Normalización

Paso a paso, man con man. Deporte e lingua é o lema co que se presentan os XX Encontros para Normalización Lingüística. O Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega convoca esta iniciativa que se desenvolverá en Compostela entre os días 12 e 13 de abril. A coincidir coa celebración deste aniversario, o foro quere tamén botar a vista atrás e reflexionar sobre o que é xa un cuarto de século de traballo neste campo desde a primeira xeira. Deste xeito, na sesión de feche Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo falarán da experiencia na organización deste evento mentres unha mesa redonda con Mercedes Penoucos, Olga Iglesias, Manuel Bermúdez, Nel Vidal e Tina Formoso revisarán a experiencia destes 25 anos de foro.

A atender por vez primeira a un ámbito como é o deporte, os encontros contarán coa presenza de deportistas profesionais e afeccionados, así como persoal "do ámbito do adestramento, representación federativa e de clubs, responsabilidade institucional, ensino, formación, comunicación, administración, xestión..." coas que se tentará "coñecer desde dentro a realidade da práctica lingüística en galego no mundo do deporte, as luces e as sombras, as ocasións e as dificultades...; e, sobre todo, a deseñar actividades e proxectos para lograr un uso normal da lingua de Galicia no deporte galego". Ezequiel Mosquera, Borja Golán, Mila Alonso, Sergio Álvarez ou Mercé Barriento son algúns dos persoeiros que participarán no encontro. Visións desde o ensino, o deporte de base tradicional, a comunicación e deporte ou a relación coa administración ocuparán as diferentes sesións das xornadas.

Que che parece esta nova?
50 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Os fitos da lingua

Os fitos da lingua

Os trinta anos da Lei de Normalización protagonizan os XV Encontros para a Normalización Lingüística

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Rosario Álvarez, Henrique Monteagudo, Normalización Lingüística, Consello da Cultura Galega...