Pontevedra homenaxea a María Victoria Moreno cunha rúa

Hércules de Ediciones presenta a biografía novelada Doce cartas a María Victoria Moreno

O pleno do Concello de Pontevedra aprobaba o pasado venres por unanimidade dedicarlle unha rúa na cidade a María Victoria Moreno. A autora homenaxeada no vindeiro Día das Letras darálle nome á actual Rúa Fernández Ladreda no barrio de Campolongo, no que ela mesma viviu. A mudanza realizarase de xeito oficial cun acto de homenaxe no propio 17 de maio.

Non é esta a única lembranza que ten a cidade para quen foi a súa veciña durante anos. O programa A Memoria das Mulleres, prestará unha especial atención na súa quinta xeira á autora e promoverá un libro de Montse Fajardo sobre a autora e a súa relación coa cidade. Dentro do programa, e como xeito de homenaxe, desenvolverase unha sección destinada a visibilizar as mulleres creadoras "como homenaxe a María Vitoria Moreno na súa faceta como mestra, como escritora, tradutora, tamén como muller comprometida social e politicamente".

Pola súa banda, a editorial Hércules de Ediciones presenta mañá en Compostela Doce cartas a María Victoria Moreno, unha biografía novelada sobre a autora na que Ánxela Graciá colle a voz dun dos personaxes da escritora, o lobo Garimoso para achegar ao público máis novo a figura da homenaxeada no Día das Letras. A Libraría Couceiro acolle a partir das 19:30 horas a presentación da obra.