Un foro celebra hoxe os 25 anos de Internet en Galicia

Celebrarase hoxe ás 19:30 horas na Cidade da Cultura de Galicia

Internet cumpre 25 anos en Galicia e iso é un acontecemento que non se celebra todos os días. Para conmemoralo, a revista Código Cero, especializada en novas tecnoloxías, organizou unha mesa redonda de acceso de balde hoxe luns ás 19:30 horas no Auditorio 2 do Centro de Innovación Cultural (Edificio CINC) da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Na mesa redonda participarán participantes daquel paso histórico para o país: o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director do CESGA en 1993, Juan Casares-Long; o subdirector técnico do CESGA e técnico de RECETGA, José Ignacio López Cabido; o responsable de comunicacións do CESGA en 1993, Juan Luis Ruiz Buján; o profesor emérito de Física Teórica da USC, Carlos Pajares; e o autor de Historia da Informática. Unha cronoloxía, Henrique Neira. Desde a organización queren "convidar a acudir a este encontro a todo aquel interesado en coñecer os detalles da chegada dunha tecnoloxía a Galicia que mudou profundamente a nosa sociedade, indo moito máis aló dos ámbitos educativos e de investigación, e provocando toda unha transformación sociocultural da que non hai precedentes no que a velocidade de adopción se refire".