Os carteis dos festivais de verán enchen ocos

Sés e Barbitúricos estarán no Rockin' Vila, SonRías Baixas e Vive Nigrán tamén avanzan xa varios nomes tamén

Aínda quedan abonos dispoñibles para moitos festivais dos que se celebran este ano en terras galegas e moitos deles tiveron interesantes anuncios e confirmacións nestes pasados días. Compre facer unha posta ao día dunha oferta para a que cabe destacar o comezo mañá sábado do Mareira Fest na Coruña. O festival organizado polo Colectivo Mareira reúne na Sala O Tunel 15 artistas, con dous escenarios e asegura máis de dez horas de música ininterrompida,. O evento presenta un cartel enfocado na escena musical alternativa no que hai espazo para bandas galegas, nacionais e internacionais. Justin K Broadrick (JK Flesh), Process of Guilt, thisquietarmy, Adrift, Cró!, Malämmar, MØURΔ, Névoa, Homeless Network, Medussa, Kalte Sonne, Ulmus, Nostos e os DJ set de POSSE e Pumba.



De cara ao quinto aniversario o Rockin’Vila de Vilanova de Arousa fixo esta mesma semana as súas dúas primeiras confirmacións artísticas. Para a edición que terá lugar os días 10 e 111 de agosto xa sabemos que estará actuando a coruñesa Sés e anuncian tamén a presencia de Barbitúricos, unha “superbanda” formada por músicos doutras coñecidas formación que se xuntan nun novo proxecto. Conforman este Barbitúricos Xurxo Pinheiro (Malandrómeda, Xenreira) José Manuel Piedra (Astarot, Deseqilibrio Mental) Fidel Vázquez e Vituco Neira (Ruxe-Ruxe).

Seguindo polas rías e máis cara ao sur tamén un dos festivais máis coñecidos do verán, o SonRías Baixas de Bueu abriu a espita do cartel que presentará entre o 2 e o 4 de agosto na localidade pontevedresa. Cinco nomes xa para esta edición na liña de rock e fusión deste evento: La Raíz; Desakato; Sara Hebe; Terbutalina e The Skarnivals serven de engado para abrir boca a falta de moitas máis confirmacións para esta popular cita. Baixando un pouco máis no mapa a segunda edición do Vive Nigrán xa comezou tamén a encher baleiros no cartel, O denominado Picnic Pop festival nigranés, que este ano se trasladou no calendario aos días 20 e 21 de xullo, un mes antes que a súa primeira edición, ofrece ao seu público potencial as actuacións de Depedro; Las Odio, Bigott; Esteban & Manuel e Mueveloreina polo de agora. Outros festivais como o FIV Vilalba xa anunciaron peche de cartel para os vindeiros días.