A editorial de poesía e libraría Chan da Pólvora sacará do prelo a que será a edición máis completa de Os Eidos. O libro do Courel de Uxío Novoneyra (1939-1999). A Fundación Novoneyra en Parada do Courel acolleu a presentación dunha nova edición deste clásico qie conta co apoio da Xunta de Galicia. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na presentación do volume, que o conselleiro cualificou como un libro-milagre escrito por un autor en estado de graza. O libro sairá publicado na colección Biblioteca de Mesopotamia de Chan da Pólvora Editora é a edición máis completa publicada até o momento sobre este título fundamental da poesía galega do século XX, ao incluír, entre outros, Os Eidos/1, Os Eidos/2 e Caligramas, ademais dun dicionario novoneyriano, titulado As cores do ucedo, realizado por Emilio Araúxo. O libro contén a maiores un prólogo a cargo de Olga Novo. Ademais da presentación do libro o acto incluíu os nomeamentos como primeiros bibliotecarios de honra do selo comunal da Biblioteca de Mesopotamia da presidenta da Fundación Novoneyra e dona do poeta, Elva Rei, e do exconselleiro de Cultura e Turismo e director de Relacións Culturais e Científicas da AECID, Roberto Varela Fariña.