A ICC Week de Ourense presenta a súa programación musical

Morgan, Mikel Erentxun, Rufus T. Firefly, Silvia Superstar, Esposa e Bifannah actuarán no marco do encontro

Morgan, Mikel Erentxun, Rufus T. Firefly, Silvia Superstar, Esposa e Bifannah actuarán no marco do encontro
Presentación da programación musical ICC Music Foto: ICC Week
A industria musical será de novo un dos alicerces fundamentais na próxima edición da Ourense ICC Week, que se celebrará entre os próximos 2 e 5 de maio. A Semana das Industrias Culturais e Creativas en Ourense é un acontecemento transversal na cultura e industria creativa: o labor principalmente é pór en valor sectores como o Audiovisual, a Industria Músical, Radio, Novas Tendencias Tecnolóxicas, Apps, Videoxogos e sectores nos que a creatividade é un activo e núcleo principal. Segundo presentaron esta semana os coordinadores do proxecto, Juan Rivas e Miguel Araújo, esta edición estará composta por unha programación musical con destacados artistas do panorama musical actual como Morgan, Mikel Erentxun, Rufus T. Firefly, Silvia Superstar, Esposa e Bifannah.

A xornada inaugural do evento, prevista para o martes 2 de maio, contará coa actuación da banda de pop-rock Morgan no Teatro Principal da cidade. No mesmo espazo, o venres 4 de maio, Mikel Erentxun fará un percorrido polas cancións do seu último traballo El hombre sin sombra, candidato aos Grammy Latinos 2017. As entradas para ambos concertos terán un prezo de 12 euros mediante venda anticipada. Nesta edición celébranse, tal e como xa sucedera o ano pasado, os "ICCShow": concertos despois das ponencias e actividades que funcionarán como punto de encontro entre a comunidade. Os protagonistas da sesión vermú que terá lugar o sábado 5 de maio nos Xardíns do Padre Feijoo serán as bandas galegas Bifannah e Esposa. Completan o cartel da xornada os Rufus T. Firefly e unha sesión DJ que correrá da conta da polifacética Silvia Superstar. O acceso será libre e gratuíto. Esta programación súmase á xa presentada anteriormente pola organización como a mesa de debate sobre o humor que contará coa participación de Moderna de Pueblo, Juanra Bonet, Alberto Casado e Rober Bodegas, moderados polo ourensán Manuel de Lorenzo, e que terá a súa extensión no Teatro Principal co espectáculo Pantomima Full, programado para o sábado 5 de maio.