Cando a escena se fai hipertexto

Coñecemos as claves do Dicionario Enciclopédico de Termos Escénicos

Coñecemos as claves do <i>Dicionario Enciclopédico de Termos Escénicos</i>
Interior do Salón Teatro. Foto: Centro Dramático Galego
O 14 de febreiro o Consello da Cultura Galega presentou o Dicionario Enciclopédico de Termos Escénicos, unha orixinal iniciativa que presenta en liña 300 termos en galego das artes escénicas. Trátase dunha ferramenta única, non existente no seu formato noutras linguas. Falamos con Inma López Silva, autora do proxecto xunto con Roberto Pascual e o ilustrador Diego Valeiras e pedímoslle que nos fixera unha selección representativa de termos desde os que comezar a explorar o Dicionario.

"Desde a miña perspectiva persoal de tradutora de libros e crítica das artes escénicas, parecíame importante que en galego houbera unha achega terminolóxica. Facía falta unha obra de consulta", sinala López Silva. "Hai unha vontade normalizadora dos termos, non só para estudantes ou profesores, senón tamén para os profesionais, que moitas veces cando teñen que redactar proxectos escénicos atópanse con dúbidas sobre os termos correctos en galego". A ferramenta, sinala López Silva, que é profesora na Escola Superior de Arte Dramática en Vigo, é única non só en lingua galega, senón noutras linguas.

O Dicionario enciclopédico de Termos Escénicos parte de 300 termos e chegará finalmente aos 1000. Ten unha estrutura hipertextual, na que todos os conceptos están relacionados entre si, o sistema suxire termos similares e acompáñanse de ilustracións creadas especificamente para el. "Unha clave é que aínda a nosa idea inicial era facer un dicionario de teatro, decatámonos de que hoxe en día en realidade debía ter unha perspectiva máis ampla, incluíndo as outras artes escénicas", explica Inma López Silva. "Polo mesmo criterio incluímos termos como teatro posdramático, exemplificacións vinculadas á actualidade teatral ou tentar que as compañías contemporáneas estean recollidas no dicionario, aínda que sempre o facemos desde unha perspectiva galega. As artes escénicas en Galicia serven para exemplificar practicamente todo".

Unha selección de termos para explorar o Dicionario enciclopédico de termos escénicos

Solicitamos a Inma López Silva que nos fixera unha selección dos termos xa publicados e que nos explicase por que os escolleron.

Teatro nacional
"Escollino porque me pareceu un termo interesante para abrir debate. A redacción dos termos non foxe da discusión e no momento de crise do Estado-nación e do propio concepto de nación, é interesante ver como nos enfrontamos a xente que nos dedicamos ao estudo do teatro a un concepto tan básico coma o teatro nacional. Non nos negamos a definir o que é un teatro nacional e acompañámolo dunha ilustración do noso teatro nacional, que é o Salón Teatro do Centro Dramático Galego".

Theatron
"É un termo que exemplifica o que pretende ser este dicionario, pero que cun nivel de ilustración moi elevado e feito por e para nós. Ten dúas ilustracións do noso ilustrador e amosan como alguén desde aquí e para aquí reinterpreta un termo moi habitual na historia do teatro".

Teatro documento
"É un termo que escollín porque ten unha redacción en profundidade dun xénero que non sempre se trata. Ademais, neste caso, conta cunha exemplificación moi contemporánea no que se cita o teatro que se está a facer agora mesmo polo mundo e recupera ou actualiza por primeira vez un termo que parecía que quedara nos anos 20 ou 30 e que sen embargo volve con forza. A persoa que escribiu a definición do termo tenta discutilo e actualizalo. A entrada ten outra das características deste dicionario: unha bibliografía actualizada que serve de referencia".

Crítica teatral
"Escollino porque creo que demostra moi ben a utilidade tecnolóxica do dicionario. É un termo que recolle como no Dicionario queremos empregar as conexións hipertextuais dos termos. Recolle outros termos asociados a el, como crítica xornalística ou crítica académica, e demostra como se poden multiplicar a lectura dos termos a nada que un queira afondar neles".

Didascalia
"O Dicionario recolle tanto termos teóricos como históricos, técnicos, de produción... "Didascalia" é un termo moi teórico que se define desde a propia teoría, e a entrada ofrece conexións que permite coñecer moitos aspectos da teoría dramática desde cada unha das súas entradas".