
Na cidade de Ourense terán lugar catro destes recitais: Vida Guitar Quartet do Reino Unido, o domingo 4 no Liceo; o tenor e intérprete estadounidense de nai galega e pai ucraíno Wolodymyr Smishkewych (voz e organistrum), o martes 6 no Museo Arqueolóxico; o italiano Marco Beasley (voz, guitarra e laúde), o venres 9 na Igrexa de Santo Domingo; e a figura do flamenco e do jazz Antonio Serrano, á harmónica, xunto ao pianista Albert Sanz, o domingo 11 no Teatro Principal. Un ano máis, o festival estende a súa carteleira a outras localidades da provincia, que neste caso serán Monterrei, onde o dúo suízo integrado por Arianna Savall e Petter U. Johansen (Suíza) actuará o sábado 3, e Xunqueira de Ambía, co concerto do sexteto vocal esloveno Ingenium Ensemble o sábado 10. En canto ás actividades paralelas, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense acollerá un curso intensivo de guitarra con Mark Ashford, do Vida Guitar Quartet, e unha clase maxistral con Wolodymyr Smishkewych.