O Xacobeo 2021 lánzase internacionalmente co festival O Son do Camiño

The Killers, Jamiroquai e Lenny Kravitz encabezan un cartel cunha trintena de artistas

A campaña de promoción internacional do Xacobeo 2021 acaba de dar un paso adiante cun macro evento multitudinario, que situará a Galicia no panorama musical nacional e internacional, o Festival O Son do Camiño. Santiago de Compostela será a sede deste evento musical que terá lugar do 28 ao 30 de xuño nas renovadas instalacións do Monte do Gozo e que contará cunha trintena de artistas de renome internacional, que en moitos casos visitan Galicia por primeira vez, e de grupos galegos de referencia. O cartel está encabezado por artistas anglosaxóns da escena internacional dos que habitualmente enchen os grandes estadios e escenarios de todo mundo. A banda The Killers, Lenny Kravitz e Jamiroquai sitúanse no máis alto do cartel cunha clara ambición de facer desta cita un reclamo que traspase fronteiras e que conta con atraer 24.000 persoas cada día ao recinto de concertos.

O festival O Son do Camiño, do que xa hai tempo se viña falando nos circuítos musicais, presentouse esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia da man dos seus promotores privados e o patrocinador principal da Xunta de Galicia, representada polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. O Son do Camiño é unha iniciativa de la UTE formada polas empresas Old Navy Port Producciones, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L., responsables de outros festivais importantes na nosa comunidade como o Resurrection Fest ou PortAmérica. Polos dous escenarios previstos do recinto, con capacidade para 24.000 persoas, se irá distribuíndo a programación da que hoxe xa se deron a coñecer 27 nomes con enorme capacidade de tirón de público. Ademais deses tres nomes na letra máis grande son de resaltar outras figuras nacionais e internacionais, algunhas delas da escena galega, como Martin Garrix; Two Door Cinema Club; Franz Ferdinand; Triángulo de Amor Bizarro; León Benavente; The Gift; C.Tangana; Novedades Carminha; Carlos Sadness; Agoraphobia; Malandrómeda; La M.O.D.A.; Eladio y los Seres Queridos; Mando Diao; Bala; Toundra; Talisco; Rufus T. Firefly; Furious Monkey House; True Mountains; The Last Internationale; Morgan; Plya e Arce. A organización anuncia vindeiras confirmacións ata completar o cartel.Os abonos para O Son do Camiño poranse á venda a partir do 1 de marzo na web oficial do festival e en Ticketea cun prezo especial de lanzamento de 39 euros.

Ampliación de axudas a festivais
Segundo explicaron hoxe os responsables públicos da promoción Xacobea o festival forma parte dunha ampla programación musical por todo o territorio, posto que ademais se organizarán seis concertos polas outras principais cidades da Comunidade. O Son do camiño aspira a converterse no principal festival de música independente de Galicia polo deseño da súa programación, capacidade de convocatoria e repercusión fóra dos nosos límites. Román Rodríguez explicou que o vindeiro Xacobeo 2021 nace cunha nova filosofía que abrangue non só un ano, senón que “comeza neste 2018 coa programación que hoxe presentamos e se estende durante os vindeiros anos 2019, 2020 e 2021”. Ademais, destacou a potencia da Comunidade á hora de organizar festivais e, neste sentido, avanzou que este ano se incrementarán as axudas en concorrencia competitiva para festivais, pasando dos 220.000 aos 280.000 euros.

Impacto económico
Como se puxo se manifesto na presentación de O Son do Camiño, agárdase que o evento cause un notable impacto económico para Santiago de Compostela, a súa área de influencia e, en xeral, para Galicia. Ao compromiso do festival co tecido económico galego se suma que contratará un 80% das súas necesidades a empresas da Comunidade. O turismo musical, cultural e de eventos é un recurso á alza, como demostra que este ano na feira FITUR houbese presenza específica dalgúns destes festivais, que xera impacto económico na zona onde se celebra. O obxectivo é, por tanto, múltiple. Así, Galicia posicionarase no mapa das grandes producións musicais e enriquecerá o seu panorama de festivais, que xa conta con citas moi salientables ao longo do verán pero dun tamaño medio ou moi especializadas como é o caso do Resurrection Fest. O festival de Viveiro anunciaba onte 20 novas incorporacións ao seu cartel e o peche definitivo do mesmo.