Agar Ledo dimite do MARCO

A responsable de exposicións deixa o museo vigués ante a deriva do proxecto

13/2/2018 | Santiago. S.Montes | Seccións: ArtePolítica Cultural
45 lecturas | Compartido 0 veces
A indefinida deriva do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) trouxo un novo episodio coa renuncia de Agar Ledo, responsable de exposicións e única cabeza artística do centro ante a ausencia de dirección. Ledo fixo público onte a través da súa conta de Twitter a súa decisión de poñer fin con carácter inmediato á súa relación laboral coa institución na que levaba doce anos. "Non foi unha decisión fácil, pero é a única posible dada a situación actual dun museo que deixou de ser aquel proxecto do MARCO ao que me incorporei en 2006", escribiu a xa ex-responsable de exposicións.
O posto de Ledo, ao que accedeu por concurso, ten como tarefas asignadas a preparación e produción das exposicións temporais acorde á programación elaborada pola Dirección do museo. A súa renuncia chega máis dun ano despois (decembro de 2016) do anuncio da renuncia do último director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, que se fixo efectiva en novembro de 2017. Desde entón o centro leva, non só sen dirección se non sen proxecto definido e no medio dunha lea de poderes entre a alcaldía da cidade e a Xunta de Galicia coa escusa do merma da achega económica ao Padroado da Fundación MARCO. Nunha reunión deste Padroado en decembro pretendeuse asignar a Ledo ás tarefas artísticas de programación que corresponderían á dirección do centro, ofrecemento que ela rexeitou ao considerar que a verdadeira urxencia estaba en definir o discurso do MARCO e non en elaborar unha sucesión de exposicións que non respondan a unas liñas de actuación definidas. As motivacións de Ledo para a súa marcha teñen amplas coincidencias coas que levaron recentemente a Daniela Sarraíno a renunciar ao cargo de presidenta da asociación Agrupación de Amigos do MARCO.

En recentes declaracións a este medio para a reportaxe MARCO: O museo na corda frouxa, Agar Ledo colocaba a prioridade dun centro como o MARCO sempre no proxecto "por diante da elección do director ou da capacidade do orzamento". Para ela esa sería a prioridade consecuente co Documento de Boas Prácticas en Museos e Centros de Arte Contemporánea asinado no ano 2007 por asociacións que representan á práctica totalidade do sector das artes visuais e dos museos, xunto co Ministerio de Cultura. A finais de xaneiro o Concello presentou ante o Padroado unha proposta de programación que a propia maioría do Concello neste órgano fai indiscutible. A intención do consistorio é abrir o programa este mes de febreiro coa exposición Metrópole. Perspectiva urbana da arte galega, comisariada por Rubén Martínez Alonso. A esta seguirá a xa anunciada exposición da Fundación Telefónica sobre o escritor Jules Verne. Entre setembro e decembro presentarase Pantoque, unha interpretación do traballo nos estaleiros a cargo de Ramón Trigo, Eduardo Armada e Alfonso Armada, á que sucederá unha retrospectiva de Manuel Colmeiro artellada en base aos fondos que a familia do pintor lle cedeu ao Concello de Vigo canda aos que xa eran propiedade municipal.
14/03/2018

O mundo da cultura segue a defender o MARCO cun manifesto

Cincocentos artistas e axentes culturais de todo o Estado asinan o documento

16/02/2018

Caballero considera que o MARCO vai mellorar 'de forma extraordinaria'

O alcalde vigués ve un aforro en non convocar a praza de dirección do museo

14/02/2018

Quince artistas contemporáneos dan as costas ao MARCO de Abel Caballero

Néganse a tomar parte na exposición 'Metrópole, perspectiva urbana da arte galega'

30/01/2018

O Concello de Vigo adiántalle ao Padroado a vindeira programación do MARCO

Artistas galegos contemporáneos, Julio Verne ou Colmeiro son algunhas das mostras previstas

18/12/2017

MARCO: O museo na corda frouxa

Sen proxecto definido, sen dirección e cun orzamento moi limitado o futuro da institución está en vilo

29/12/2011

Dosier: MARCO

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo reducirá horario e cobrará por actividades

Universo culturagalega.gal