A obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país, de Xosé Constenla Vega, resultou gañadora da XVIIª convocatoria dp Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A obra gañadora amosa unha fonda elaboración teórica que logra demostrar a necesidade dunha lectura xeográfica da realidade que xera unha proposta política con futuro. A vontade de transcendencia da obra demostra a posibilidade de reinterpretar Galicia desde unha perspectiva esperanzadora e, sobre todo, útil para a intervención no territorio. Licenciado e Doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Constenla Vega é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Na actualidade é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidade de León na Área de Xeografía Humana. Constenla tamén ten unha traxectoria recoñecida no eido da canción de autor, no que ten publicado varios discos. O premio está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.