María Reimóndez gaña o I Premio de Narrativa Agustín Fernández Paz

An Alfaya impúxose no Xosé Neira Vilas de Novela Curta

A primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, que convocan o Instituto de Estudios Chairegos, o Concello de Vilalba e a editorial Xerais en homenaxe a este autor, ten xa vencedora. María Reimóndez impúxose entre as 23 obras que se presentaron ao galardón co seu traballo Fóra do normal. O xurado, composto por Marica Campo, Xavier P. Docampo e director de Xerais, Manuel Bragado, destacou o "tratamento da temática trans, dos personaxes e da banda deseñada como camiño de comprensión do mundo así coma polo valor de contar con heroes á hora da superación do conflito". O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra da man de Xerais.

En paralelo, An Alfaya ergueuse como vencedora do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta co seu traballo O home de negro. O galardón, que recoñece textos dirixidos á infancia e á adolescencia, está convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado, composto por Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas; os membros do padroado Rosalía Morlán, Fernado Redondo e Juan Andrés Fernández e mais polo crítico literario Armando Requeixo destacou "a capacidade para tecer unha historia con fortes dose de intriga e unha notable economía de recursos, adelgazando a presenza de personaxes e escenarios para lograr unha extraordinaria concentración expresiva na que a linguaxe da súa prosa xoga un papel principal. Autorreflexiva, metaliteraria e ben suxestiva, esta obra recolle o herdo pirandelliano e unamuniano para actualizalo e ofrecer unha atractiva nivola do século XXI". O galardón, dotado con 1000 euros e coa publicación da novela, entregarase o vindeiro 3 de novembro na sede da Fundación, en Gres.