Pablo Nogueira gaña o VI Premio Agustín Fernández Paz

O galardón de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade está dotado con 3.000 euros

A VI edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade foi para a obra Ringo. Memorias dun coello fedello de Pablo Nogueira Campo. O xurado do galardón que convocan o Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais, recoñece unha obra da que salienta "o humor intelixente, escrita imaxinativa dunha historia trepidante localizada no Circo Fantastibuloso, unha comunidade de artistas nas que cadaquén expresa a súa singularidade".

O fallo, que se deu a coñecer este sábado 22 de outubro, apunta tamén que obra gañadora é "unha narración na que se mestura aventura e imaxinación para abordar algúns temas esenciais como o valor da amizade, a empatía e o amor". O galardón conta cun premio en metálico de 3.000 euros e a publicación da obra por Edicións Xerais de Galicia.

O xurado desta xeira estivo composto por Manuel Bragado, Fina Casalderrey e Lois Pérez, gañador da anterior edición que recolleu o seu galardón tamén este día 22 en Vilalba.