O Outono Fotográfico explora a descrenza a través da imaxe

A mostra estará presente por toda Galicia ata o Nadal

O luns preséntase no Liceo de Ourense a XXXV edición do Outono Fotográfico. A senlleira mostra de fotografía estará presente en 66 espazos expositivos de toda Galicia, con 22 localidades, e 4 en portugal. O fío condutor das exposicións será a descrenza. En palabras do seu director, Xosé Lois Vázquez, «o terreo no que operaron é infindo: alterar o método, aventurarse na refutación do evidente para descrer a evidencia; dilucidar e raer os camiños da reflexión que nos reconecten co medio natural e o ser humano, que conduzan neste a respectar a complexidade magnífica da súa diversidade identitaria e rescatar o seu carácter radical de ser vivo e descrer así os modelos decretados, descrer para avanzar». As exposicións estarán centradas nos fotógrafo Dafna Tal, Tamara Wassaf, Ángel Pantoja, Jon Gorospe, Alfonso Almendros, Javier Víver, Ulla Deventer, Anja Bohnhof, Laura Ben Hayoun ou Igor Calvo. Tamén poderemos apreciar os traballos dos galegos Xaquín Rosales, Juan Adrio ou Eva Díez. Tamén haberá espazos para novos fotógrafos emerxentes como Virginia Rota, David Catá, Bruno Silva ou Verónica Losantos.