Intimar co silencio

Unha exposición repasa a ollada íntima da fotógrafa Anna Turbau á Galicia da transición

Unha exposición repasa a ollada íntima da fotógrafa Anna Turbau á Galicia da transición
"Eu viña dun mundo do silencio familiar así que podía entender o silencio dos demais, especialmente da muller", sinala Anna Turbau, a fotógrafa freelance que entre 1975 e 1979 retratou unha Galicia chea de conflitos sociais e en transición entre o vello mundo agrario e as fondas transformacións económicas e políticas.

"Na miña familia, na posguerra, calábanse moitas cousas e o silencio acababa por devorar as relacións. Así que cando vin a Galicia, puiden ver como as mulleres seguían en silencio, en soedade, supervivintes, defendendo a súa terra", afirma Anna Turbau, quen grazas ao seu propio pasado familiar foi quen de enfatizar con ese mundo, para ela descoñecido, da Galicia de hai 40 anos. A fotógrafa traballou aquií como freelance, elaborando reportaxes fotográficas para Interviu, colaborando co xornalista Perfecto Conde, e reunindo un arquivo de preto de 10.000 fotografías.


A fotógrafa Anna Turbau na época das fotografías. Foto: Lokis

Agora estes fondos galegos de Anna Turbau foron depositados pola autora no Consello da Cultura Galega para facilitar a súa difusión e visibilidade no ámbito xeográfico e social no que foron realizadas as fotografías. Hoxe xoves 19 de novembro pola tarde, ás 20.00, inaugúrase no Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela a exposición "Anna Turbau. A intimidade da imaxe", que se poderá contemplar ata o 10 de decembro deste 2017. A exposición, promovida polo Consello da Cultura Galega e comisariada pola catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo, recolle preto dun centenar de imaxes agrupadas en nove bloques temáticos. "Todos eles permiten coñecer unha Galicia fóra do discurso habitual, que exhibe espazos e situacións aos que non se tivo aceso no seu momento".




Conflitos e intimidades
A Galicia retratada por Anna Turbau reflicte o mundo rural, os espazos íntimos, a enfermidade, a soedade ou o conflito. Ámbitos destacados son as loitas campesiñas e sociais contra a realización da autoestrada AP-9, as traballadoras do campo, as mariscadoras, o mundo da relixiosidade popular, as manifestacións polo naval ferrolá, os debates sobre a autonomía e as posicións nacionalistas ou espazos ata ese momento moi pouco visibilizados coma o sanatorio psiquiátrico de Conxo. Un auténtico miradoiro sobre as profundas transformacións e tensións que estaba a vivir a Galicia da transición, de a cabalo entre unha dictadura e unha democracia, entre unha sociedade rural que deixaba de selo en parte.




"A miña ollada é sempre desde o respecto", sinala Ana Turbau. "Ver a aqueles mulleres dobregadas polo traballo e aínda así loitando hai que valoralo. Esa resistencia e ese convencemento que tiñan ao redor do que estaban facendo". Turbau chegou a unha Galicia na que a presenza dos medios de comunicación e o trato con xornalistas ou fotógrafos era moi reducido. "Eu facía as fotos de muller a muller", sinala a fotógrafa, "eu dicíalles que tiñamos a capacidade de que o seu problema se puidera fóra de Galicia. E accedían a facer a foto".


A meiga do pasteco

Por iso a ollada de Anna Turbau é unha ollada dunha Galicia na que a muller ocupa un papel predominante na exhibición. Unha muller rodeada de maneira habitual de obxectos, situacións e acenos: a cama, as olladas ou as mans. No futuro poderase acceder a un catálogo que incluirá máis fotografías alén da selección de cen imaxes que se poden visitar, como unha viaxe a un tempo aparentemente tan próximo pero que retrata unha Galicia moi distinta á actual.