O Museo do Pobo presenta Dispostas para cantare

O álbum recolle 24 pezas da colección do Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade

O musicólogo Sergio de la Ossa foi o responsable de seleccionar as vinte e catro pezas que conforman Dispostas para cantare. O Museo do Pobo Galego presentaba onte este libro-CD no que recupera unha selección de pezas sonoras dos milleiros que custodia o seu Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade (APOI). Romances, coplas, cancións de voda ou de sega, xotas ou muiñeiras cantadas polos propios informantes en diferentes recollidas de sons populares conforman este interesante traballo sobre a tradición musical galega que sae á luz en colaboración con Bodegas Martín Códax.

Canda a De la Ossa participaron na escolma as musicólogas húngaras Olga Szalay e Mária Domokos canda a Mini e Mero, responsables de boa parte dos rexistros que se custodian no APOI. O volume sae á luz como un agradecemento para persoas socias e colaboradoras do Museo polo seu apoio sostido cando esta institución cumpre 40 anos de actividade.