Evaristo Currás, Marga Neira, Adrián Solovio ou Simón Varela son nomes que teñen algo en común: designan personaxes de ficción feita en Galicia. A elección de antropónimos para os protagonistas de filmes, obras de teatro ou traballos literarios non é un proceso sinxelo e bebe de moitas fontes. Esta cuestión foi unha das que se abordaron na II Xornada de Onomástica Galega que organizou a Real Academia Galega en Pontevedra o pasado 30 de setembro. Normas para escoller nomes, como buscalos e a problemática de normalizar os nomes propios da nosa lingua foron algunhas das cuestións que se abordaron neste encontro.
"Desde unha perspectiva tradicional considerábase que o nome propio, a diferenza do común, non tiña unha calidade semántica ou descritiva, pero xa no século XIX os filólogos comezaron a cuestionar a idea de que fosen só etiquetas identificativas. Desde aquela veuse defendendo que tiñan tamén un sentido semántico e pragmático influído polo seu contexto". A indicar que os nomes teñen máis significados do que pode semellar nun primeiro momento, de xeito particular no caso das obras da ficción, a xornalista Marga Pazos presentaba o pasado sábado 30 de setembro a mesa Os medios de comunicación e a literatura: os nomes propios na ficción literaria e audiovisual que fechaba a II Xornada de Onomástica. Canda a ela, o escritor e correspondente da Real Academia Galega Xosé María Lema, o guionista, director e produtor Xosé Castro Puga Pato e mais a guionista e escritora Araceli Gonda abordaron este tema.
A importancia do medio
Araceli Gonda abriu o encontro a destacar a importancia do medio para o que se escribe á hora de seleccionar nomes para os personaxes de ficción. Ata o punto de que en ocasións os antropónimos son prescindibles. "Cando escribes un guión debes transmitirlle ao lector a historia que tes na cabeza do xeito máis claro posible, e ás veces non fai falla pórlle un nome aos personaxes. Por exemplo, se falamos dun guión no que só hai dous personaxes que nunca se dirixen o un ao outro polo nome, non fai falla darllo, poden ser só El e Ela, por exemplo". Fóra desta caso extremo, e a seguir no exemplo do guión, o peso na trama pode determinar se un carácter chega a ser bautizado polo autor. "Os nomes son difíciles de recordar, e ao mellor é máis sinxelo denominar alguén como `o enfermeiro´ ou `o policía´". Para alén do formato que se escolle para a historia, o xénero da mesma inflúe tamén na elección de denominacións para os personaxes. "Se fas unha fábula podes ter moita liberdade para imaxinar nomes máis elaborados, mentres nunha comedia poden xogar moito os alcumes".
A información que agochan os nomes
Fronte aos factores que poden favorecer o anonimato, Gonda recoñece que a miúdo hai ocasións en que os nomes propios serven para evocar ideas ou dar información sobre os personaxes. "Podes meter moitísima información sobre o seu carácter ou o seu papel na trama. Nunha historia na que unha muller é a primeira en facer algo, pode ser moi habitual que se chame Eva, e o mesmo no caso dunha parella que se atopar nun mundo pos apocalíptico no que son os que repoboarán a terra". A outro nivel, "se na historia hai unha familia cunha muller na que todos se apoian, podería chamarse Amparo. Un nome como Amador pode tamén dar información sobre o papel do personaxe, ou Dolores pode explicar que se trata de alguén que sufre moito. Hai nomes que facilitan dar información", conclúe.
O contexto
Para alén de carácter ou función narrativa, hai nomes propios que delatan o contexto histórico ou social dos personaxes. "Se atopas unha Jessy, xa estás a saber moito do personaxe, de onde vén. E o mesmo acontece se metes un nome raro, pode dar datos sobre como eran os pais do personaxe para o escoller, en que circunstancia viviu a súa infancia ou a adolescencia ", sinala a guionista e escritora a lembrar un colega chamado Gandalf. Arredor desta cuestión, Gonda advirte que, para alén do nome propio que o autor lle outorga a cada personaxe, existe a posibilidade de introducir na ficción outros xeitos de se referir a el. "Pode achegar moita información as distintas formas nas que os resto dos personaxes se dirixen a el. Alguén a quen lle chamemos Fran pode ser chamado así, ou Francisco, ou polo apelido, Martínez, Señor Martínez ou mesmo pringado. Isto tamén amosa como se relacionan con el", destaca Gonda.
A evitar
En relación a isto, advirte das complicacións de empregar varios nomes para un mesmo carácter de ficción. "Pode facer que o lector se perda, especialmente nos guións, polo xeral hai que procurar que cada personaxe apareza sempre co mesmo nome", sinalaba. Tampouco é bo que coincida o nome dun personaxe co nome dun actor, para evitar confusións, ou atender á sonoridade dos diferentes vocativos empregados. "No episodio piloto de Padre Casares o protagonista era Horacio Casares e o cura vello chamábase Amancio. Non foi ata o ler en voz alta que reparei en que soaba moi mal cando un personaxe dicía `Don Horacio, que di don Amancio´. E aí mudouse o segundo por Cristanto", lembra a guionista desta serie.
Nomes para facer un mundo
Xosé Castro Pato, cunha carreira máis centrada no humor e na comedia de costumes, advirte das enormes posibilidades dos nomes para xerar ficcións que resulten coherentes para o espectador. "En Mareas Vivas tentamos facer unha serie co referente nunha zona concreta do país que era a Costa da Morte, e na creación deste mundo os nomes tiñan moito que ver", advirte. Así, tanto para topónimos como para antropónimos e alcumes, os creadores procuraron formas propias da zona. "Algúns personaxes tiñan nomes estrafalarios, como Ladislao, pero iso tamén nos servía para os explicar. Neste caso era alguén que estaba fóra de sitio, que non decidía nada por si mesmo, porque ata o nome llo escollera o pai en homenaxe ao futbolista Ladislao Kubala", explica. "Ao final, case todos os nomes teñen algo que ver cos personaxes e contan algo, pero é importante que o espectador non faga unha asociación directa entre o personaxe o significado do nome" advirte. De xeito similar, tamén en Era visto! as denominacións dos protagonistas non son ao azar. Segundo Pato "a serie retrata unha parte do país que non ten máis tradicións do que ver o Luar, comer churrasco ou ir ver a Orquestra Panorama. Está ambientada nun lugar no que non había antes unha aldea nin unha igrexa. E entón os nomes están relacionados con esa falta de pasado ou de dignidade, nin teñen apelidos. O protagonista é Moncho, os seus amigos son Lino e Puskas, tamén tirado dun futbolista. O fillo chámase Kevin José, parecíanos bonito polo aberrante que era mesturar a moda dun nome en inglés e un en castelán, imposto polo cura para bautizar o cativo. O mesmo acontece coa súa moza Jessica María, e tamén está o seu amigo Cristian da Chousa. Tamén se nota a cuestión das clases sociais no don e dona que teñen por diante os ricos do pobo. Ou ata no can da familia, que todos os que van tendo se chaman igual, Trotski. Para nós era importante que todos os nomes nos levasen a unha realidade triste ou fea".
O debate: Normalizar a través dos nomes
O grande debate que se deu na mesa foi encol do papel normalizador da onomástica galega que teñen as ficcións. Nese sentido, os participantes recoñeceron que en xeral "hai dúas posibilidades. Por unha banda pódese tentar ser fiel á realidade, que penso é a tendencia máis habitual. Pola outra, está a opción de os empregar como vía de normalización lingüística, que é o por onde sempre tiraron máis os lingüistas. Cada vez aparecen máis nomes galegos nas series, e fanse cada vez máis normal", explicaba Gonda. "Hai unha responsabilidade coa lingua dos produtos audiovisuais, pero tamén resulta raro que apareza un señor de 80 anos que se chame Xurxo. Se se chama así ou se galeguizou o seu nome hai unha historia por detrás e cómpre explicala. Nunha serie non todos os nomes teñen que ser Uxía ou Brais, hai franxas de idade nas que teñen máis lóxica que noutras".
Solucións e posibilidades
Pato apunta a dificultade de apostar inequivocamente por nomes galegos. "No mundo real a xente de certa idade ten o nome en castelán. Nós en casos como o de Mareas Vivas apostamos por substituílos por alcumes como unha solución intermedia que nos permitía manter un apego coa realidade. No caso dos cativos era máis sinxelo porque xa é normal que teñan nomes galegos". No entanto a solución tampouco serve a todos os casos. "Cando falas dun vello pódeselle chamar Mingos, Fuco ou Facrruco, pero se é un notario, tampouco cadra que se chame así. Entón é aí que tamén entra a opción de procurar nomes que sexan iguais en galego que en castelán". Ademais, apunta que "tamén se pode xogar coa diglosia para facer humor. Nós temos en Era visto! un personaxe pijo que se chama Arturito e retrata un tipo que existe na sociedade", sinala Pato. Tamén en Padre Casares hai un Josito, segundo lembra Gonda "que é un coitado que está as ordes do alcalde. Colleu certa sona pola expresión `A cona, Josito!´, que non sei se podería ser `A cona, Xosiño!´, ao mellor si. Tamén retrata unha situación de alguén que se esforza en ser moi fino e falar castelán nun contexto no que queda ridículo".
Nomes que resisten e nomes que chegan
A este respecto, Xosé María Lema advirte que, "en moitos libros de fábrica pode aparecer o nome real co que se coñecía a persoa, en galego, canda ao do bautizo, en castelán. Na miña novela o crego fai un recitado de nomes e existentes no século XVIII e aí procurei que non estivesen castelanizados", de xeito que non se pode dar por feita a desaparición de antropónimos na nosa lingua en xeracións anteriores. "Pódese pensar que por estar a escribir en galego non se lle pode chamar Adonis a un aldeán de noventa anos, pero pódeselle poñer e non pasa nada. De feito eu coñecín un, nomes raros sempre había", advirte. A incidir no valor normalizador da ficción para os nomes propios, lembrou tamén que "a ficción e a literatura poden condicionar os usos onomásticos dunha sociedade, só cómpre ver as Mireias en Cataluña ou os Aitor en Euskadi, que teñen orixe literaria".
A caza de nomes
Á hora de procurar nomes, "ao final todos tiramos de familia, amigos, santoral ou persoas famosas. Fanse homenaxes a todo tipo de xente, mesmo de xente que che cae mal", explica Gonda, un aspecto no que coincide Pato, que recoñece ter tirado o apelido Currás dun conselleiro e aplicarlle o apodo Carioco a varios personaxes malvados dos seus traballos a indentificalos con alguén que non quere ben. "Hai un apelido que meto moito que é Moscoso, que me fai graza porque penso en moscas e en días moscosos, e sempre llo apliquei a personaxes negativos". Para alén das fontes máis evidentes, a elección de antropónimos pode aparellar un intenso traballo de investigación. Así, para Mareas vivas ou Terra de Miranda, "cando buscabamos localizacións íamos aos cemiterios para os nomes das lápidas e así coller os apelidos da zona, aínda que en moitos casos isto non chegou ao espectador". Tamén "buscamos alcumes relacionados con oficios e cousas da zona, como foron os casos de Petroleo ou de Melgacho na primeira destas series. Malia a isto, Pato recoñece que a miúdo a elección "non ten nada que ver" con estes traballos. "En Era visto! aparecen moitos alcumes, como Golosinas, Juan sen Ansia ou Paco Pirolas que son de persoas que eu coñezo e que meto porque me parecen bonitos e estraños, ademais de que son verosímiles porque existen realmente. Outras veces son os propios actores os que completan os nomes dos seus personaxes".
Os nomes xustificados
Xosé María Lema desenvolveu un intenso traballo para seleccionar os 286 nomes, a incluír os de animais os de barcos e os alcumes presentes na súa novela Costa do solpor. Na historia, ambientada no século XVIII, os nomes e as traducións e adaptacións dos mesmos cómpren un singular papel. Isto, canda á propia experiencia investigadora do autor, membro do Seminario de Onomástica da RAG, deu en nomes xustificados historicamente dos que explicou algúns exemplos na súa intervención. "A fidalga Mariña de Lobeira chámase así por unha banda por Santa Mariña, unha santa moi popular en Galicia, pero tamén pola orixe mítica do seu primeiro apelido, Mariño, ademais de ser o nome da miña propia filla", explica. "Tareixa é unha homenaxe a María Teresa de Caamaño , unha fidalga culta e políglota da mesma época na que se desenvolver a historia. Hai un Silvestre da Quinta, alcumado Brandomil ao que lle pon no nome o párroco por ser fillo de solteira", a indicar así que se trata dunha persoa algo salvaxe. E o de Brandomil vén de seguir o xogo de Pondal de nomear heroes a partir da toponimia", lembra só a sinalar algúns dos recursos que empregou para crear ese universo.
E é que, tal e como advertiu Marga Pazos durante as súas intervencións, "por moi subxectiva que sexa a carga que teñen os nomes, ao final pode ser que aquilo que nos evoquen resulte universal, que mesmo a nivel inconsciente e sen que o espectador ou o lector se dean conta, acabe impregnando nel".