Mofa e Befa fan Crítica da razón perralleira en Cranios privilexiados

O FITO acolle a estrea da nova montaxe o mércores 11 de outubro

Cranios Privilexiados... ou Crítica da Razón Perralleira é o título da nova montaxe do dúo cómico Mofa e Befa. Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira póñense baixo a dirección de Carlos Santiago no que definen como "un duro exercicio espiritual poñendo en cuestión a súa propia filosofía escénica: o perralleirismo, unha filosofía baseada no principio de que todo problema ten solución, e se non a ten, non queda outra que inventala". Unha viaxe filosófica na que o dúo se enfronta a todo tipo de personaxes "filósofos lucenses, domadores de circo anti-darwinianos, eremitas positivistas, cantantes sufís ou cobradores da luz con ideas propias sobre a teoría da relatividade. Un freak show de pensadores e pensamentos que non renuncia a comprender a realidade actual, por difícil que pareza".



O Festival Internacional de Teatro de Ourense acolle este mércores 11 de outubro a estrea do espectáculo, que continuará xira por Ortigueira (14 de outubro), Vigo (19 de outubro), Ribadeo (22 de outubro), Pontevedra (2 de novembro), A Estrada (3 de novembro), Tomiño (4 de novembro), Cangas (11 de novembro), Arteixo (15 de decembro) e xa no 2018 Santiago de Compostela (do 24 ao 27 de xaneiro), Vimianzo (3 de febreiro) e Rianxo (5 de maio).