Os premios Rebulir recoñecen a Uxía Senlle, Xosé Ramón Gayoso e Lois Antón

Entregaranse o vindeiro mes de decembro no marco do Festival Internacional Rebulir

Aínda que o ditame é do final de agosto, foi onte que a Asociación Cultural Rebulir deu a coñecer o fallo dos galardóns que levan o seu nome neste 2017. Uxía Senlle foi a galardoada na categoría de Música Galega "pola súa longa e prolífica traxectoria no eido da música galega, proxectada alén das fronteiras do noso territorio". No campo da Cultura Galega foi Xosé Ramón Gayoso o recoñecido "por ter contribuído a difusión e a posta en valor da cultura galega desde a plataforma audiovisual que supón o programa Luar da TVG". Finalmente, na categoría Homenaxe o recoñecemento foi para o escritor Lois Antón Pérez por "unha vida persoal e profesional adicada a literatura galega, en e desde Ramirás".



Os Premios Rebulir de Cultura Galega están organizados pola asociación cultural que leva o mesmo nome en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de Ramirás. Nados en 2012, estes galardóns recoñecen a persoas ou colectivos "que contribúan á difusión e posta en valor da cultura galega nas súas diferentes manifestacións. Un dos aspectos que defende este premio é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz".

Os galardóns, sen dotación económica, entregaranse durante a gala do Festival Internacional Rebulir, que se celebrará o vindeiro 16 de Decembro no Polideportivo de O Picouto (Ramirás).