Os Premios Carlos Giménez estréanse cunha ampla de presenza de candidaturas galegas

Os galardóns entregaranse na Héroes Cómic Con de Madrid

Os vindeiros 11 e 12 de novembro celébrase en Madrid a Héroes Cómic Con, nova fórmula do evento ata o de agora coñecido como Expocómic. Dentro da remodelación deste encontro preséntase a I Edición dos Premios Carlos Giménez da Industria do Cómic Español, uns novos galardóns que contan cunha importante presenza galega entre as súas candidaturas, que se deron a coñecer onte. En particular, é o ourensán David Rubín o que copa as opcións a se facer con algún destes galardóns, xa que está presente en cinco das 17 categoríass. En concreto, aspira ao recoñecemento como Mellor Rotulista de obra publicada en España, a Mellor Debuxante Nacional, mentres o seu Gran Hotel Abismo opta á Mellor Obra Española e Ether fai parte das candidatas a Mellor Obra Internacional. Ademais, no ámbito de Mellor portada de autor español compite por partida dupla, a conta do seu traballo nestes dous proxectos. Canda a el, o vigués Fernando Llor ten opcións de se facer co premio a Mellor Guionista Nacional polo seu labor en Sangre en el suelo.

En paralelo a estes galardóns, unha produción con participación de autores do país opta a recibir un dos prestixiosos premios Ignatz, considerados os máis importantes do BD alternativa de Estados Unidos. A antoloxía Spanish Fever. Stories by the New Spanish Cartoonist, publicada no país por Fantagraphics conta con senllas historias asinadas por José Domingo e David Rubín.