Escenas patrimonais

A mestura de teatro e divulgación do patrimonio colle forza en Galicia

A mestura de teatro e divulgación do patrimonio colle forza en Galicia
Visita teatralizada dos Quinquilláns. Fotografía do PAAR de Campo Lameiro
As visitas teatralizadas están a vivir unha época de auxe no noso país. Diferentes propostas escénicas trasladan os visitantes de espazos monumentais e períodos temporais que van desde o Neolítico ata o século XIX, a mesturar a didáctica co entretemento. A compañía Os Quinquilláns, unha da máis activas neste ámbito, fálanos sobre os desafíos e as posibilidades destas propostas.

O Castelo de Soutomaior viu a comezos do verán como se esgotaban as 840 prazas para participar nas visitas teatralizadas que amosan este espazo desde maio e ata o final do mes de setembro. Todo un éxito para esta iniciativa que a Deputación de Pontevedra botaba a andar en 2016. Canda a este, espazos como o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro, o Castelo de Vimianzo, o Cemiterio de San Amaro, o Pazo de Oca, a Casa da Troia ou o Centro Arqueolóxico de Toralla, en Vigo, acollen de xeito ocasional ou periódico actividades que mesturan as artes escénicas coa historia. Dentro das abondosas visitas teatralizadas que se desenvolven no país, destaca co nome propio o traballo dos Quinquilláns. Este grupo leva desde 2014 a desenvolver este formato con montaxes que os levan a diferentes épocas e espazos. Desde o neolítico do Dolmen de Dombate ata o século XIX, e en ocasións mesmo a mesturar períodos históricos, esta compañía de teatro de rúa está a atopar neste tipo de propostas unha satisfactoria alternativa ás montaxes máis convencionais.

Da rúa aos espazos patrimoniais
"Nós vimos do teatro de rúa, pero agora estamos a apostar moi forte por este formato, especialmente no verán", explica Lucho Penabade, un dos compoñentes de Os Quinquilláns. "Xa tiñamos abordado temáticas históricas con montaxes como Irmandiños, Arrieiros ou Diáspora, pero coa crise houbo que se adaptar. No seu momento vimos rematado o ciclo de vender exclusivamente espectáculos de entretemento, hai unha sobreoferta brutal e non atopabamos moita demanda. Ao tempo viamos que o teatro e a didáctica non estaban conectados e que esta podía ser unha vía para o reconducir". Deste xeito, das montaxes de teatro máis convencional con varios actores e músicos ao vivo pasaron a un formato reducido de dous ou tres intérpretes e os mínimos requirimentos técnicos. Foi a propia compañía a que comezou a lle ofertar a concellos e institucións as súas obras orientadas a abordar a historia e a importancia patrimonial de diferentes espazos do país, alá por 2014. "Non ofertamos unha montaxe fechada, senón que buscamos contar a historia de cada lugar e nos adaptamos ao que se quere. Trátase de facer algo concreto, vencellado a un espazo e a un tempo, e iso fai que medre moito o interese. Pensamos nunha serie de localizacións que nos parecían fundamentais polo seu atractivo arqueolóxico e histórico", lembra Penabade. De todas as propostas que enviaron, "a moitos lugares non lles interesou, outros apropiáronse da idea e fixérona con quen lles pareceu", sinala.

A oferta
Deste xeito, en 2017 foron PAAR, o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo as Torres do Allo e o Concello da Guarda os que apostaron por meter teatro nos seus monumentos, nalgúns casos a repetir a experiencia de anos anteriores. "Este verán facemos cinco visitas diferentes, entre xoves e domingo. Hai un día que facemos dúas, estamos en Vimianzo ás cinco da tarde e ás sete e media en Zas. É moito traballo porque mudas de época e de guión cada día e hai que repasar o texto". Tanta actividade "supón moita estrada, pero tamén achega estabilidade e lévase mellor que andar de xira" explican desde Os Quinquilláns. Deste xeito, nas Torres do Allo danlle vida a Francisca Rioboo Álvarez, primeira muller propietaria do pazo, e mais ao seu home, o naturalista Víctor López Seoane, nunha visita ambientada no século XIX. En Vimianzo, os criados medievais Roi Cofano e Elvira deben guiar os visitantes polo castelo dos seus señores. Nas visitas a Dombate dous habitantes do neolítico enfróntanse á construción dun megálito mentres teñen que continuar a súa loita pola supervivencia. Na Guarda abórdase o fenómeno dos indianos e da emigración mentres en Campo Lameiro o investigador don Néstor interactúa con dous habitantes da idade de bronce para comprender o fenómeno dos petróglifos.

Vantaxes teatrais
Encol do seu interese por este tipo de montaxes, Penabade explica que "somos unha compañía de teatro pero temos moito interese na divulgación histórica, e parecíanos que este era un tipo de traballo moi bonito que nos permitía guionizar a partir de historias e personaxes reais e imaxinarios. Ademais, facilita unha relación moi achegada e participativa co público. Nós pasámolo de marabilla", asegura. "É un xeito diferente de compartir a historia. Non somos historiadores e non damos leccións maxistrais, tentamos empregar en cada espazo os recursos teatrais ao noso alcance". A ese respecto, salienta o pracer que supón traballar nos propios escenarios da historia. "Temos unha escenografía que nin o Centro Dramático nin ninguén", bromea. "Para nós traballar no pazo máis vello de Galicia, como é As Torres do Allo, en Dombate ou Campo Lameiro resulta un soño. Se nolo din hai cinco anos non o cremos".

Vantaxes turísticas
Para alén da "grande satisfacción" que supón este labor para a compañía, as propostas teatralizadas están a se revelar como un importante activo na oferta turística daqueles lugares que apostan por elas. De xeito similar ás que oferta a Deputación de Pontevedra no Castelo de Soutomaior, as funcións dos Quinquilláns "teñen moitísimo éxito. Vemos que o turismo actual quere algo máis que información, buscan unha experiencia. Penso que este tipo de ciclos poderían aínda completarse con outro tipo de ofertas". E ten claro que propostas como as súas continuarán a de expandir. "Hai sitios que aínda non o ven claro pero rematarán por caer. Aos turistas encántalles, moitos din que non agardaban atopar algo así cando só viñan a Galicia a comer. Penso que moitos concellos deberían pensar seriamente en gastar o diñeiro neste tipo de cousas".

As complicacións
Preparar unha destas experiencias, malia ás reducidas dimensións da montaxe e a contar coa escenografía xa preparada, supón un importante esforzo. "Visitamos moitas veces os espazos e falamos con moita xente. Aí cómpre facer unha mención especial aos historiadores locais, que hai moitos no país e que é unha xente marabillosa que ten e comparte todo tipo de información sobre un lugar. E tamén as persoas que están nos museos e nos parques arqueolóxicos, que teñen un coñecemento tremendo", lembra Penabade. "Aí nos comentan o que é máis importante de cada lugar, que temática se pode tratar e tamén se ven tamén os obxectivos que pode ter cada institución para o espazo". Logo de definir a zona da visita "hai que ver a época, que moitas veces xa define o lugar coa súa estética e a historia". E aínda despois, cómpre "escoller uns personaxes e ver que posibilidades hai de os adaptar". Á hora de elaborar o guión dunha destas visitas "sempre hai unhas claves fundamentais. Ten que haber participación do público e algo de música e de cancións. Cómpre ter un mínimo rigor histórico e procurar un vestiario adaptado. Leva moito tempo tamén porque procuramos un lado cómico". Logo "hai sketchs, diálogos e interaccións, pero ao final é teatro, e resulta un medio perfecto para isto".

Interacción
Precisamente unha das grandes diferenzas das visitas guiadas coas montaxes máis convencionais é a aposta decidida pola interacción co público. "A participación está a resultar moi doada, os visitantes colaboran moito, están afeitos a que lles tomes o pelo, se te pos a cantar acompañan, ornean, tiran unha pedra ou fan o que faga falla en cada ocasión. Á xente encántalle participar e compartir a historia", explica este actor. En moitos casos, os propios visitantes teñen o seu papel na obra. "Nas Torres do Allo tratámolos como foreiros que veñen pagar as rendas. Miramos o que levan nos sacos ou o que pesan".

Colaboracións
Para alén das propostas que desenvolven eles mesmos, Os Quinquilláns colaboraron tamén co grupo afeccionados Andaravía Teatro para desenvolver visitas deste tipo no Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra. "Nós ofertamos a dirección e o guión, e logo se na zona hai músicos, incorporámolos, se hai actores tamén fanse a combinacións que se poidan".
Do mesmo xeito, participaron no programa Muros Mira ao Mar. "Este ano tiña o tema do faros e montouse unha obra cos grupos de teatro de nenos e de adultos, todos remexidos. Gústanos moito que participe a xente dos grupos locais. Deste xeito intégranse tamén nos programas das festas e relaciónase o seu traballo coa cultura e a historia local".

Outras propostas
A compañía non é a única que está a desenvolver este tipo de propostas. Na Coruña hai xa varios anos que o Cemiterio de San Amaro e outros espazos coruñeses contan con visitas caracterizadas, mentres o xacemento de Toralla leva aos seus visitantes á época romana en datas sinaladas. O actor Suso Martínez enfundouse este verán na pel do estudante Barcala para dar a coñecer a Compostela de La Casa de la Troya. Tamén o grupo Migallas desenvolveu por Pontevedra as súas propia visitas teatrais entre 2012 e 2014, e a lista continúa. Non cabe dúbida que fica aínda moito espazo para que este formato escénico se normalice no noso país.