Santiago e A Coruña acollerán o concerto 'Chané na Habana' que celebra a obra do compositor

Tamén se editará un disco conmemorativo que se presentará o vindeiro outono

Un gran espectáculo musical galego-cubano recordará ao compositor José Castro González Chané (Compostela 1856 - A Habana 1917), no centenario do seu pasamento. Unha selección de músicos de varias nacionalidades, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, xunto coa voz de Rosa Cedrón, ofrecerán una visión nova das populares músicas do compositor. Chané é un dos compositores galegos imprescindibles de fins do século XIX e comezos do XX, autor de clásicos como Os Teus Ollos ou Un Adios a Mariquiña e un dos artífices da creación da Canción Galega de Concerto, do movemento coral contemporáneo e -en definitiva- da Música Popular Urbana Galega. Chané na Habana aborda a totalidade da obra conservada do artista: desde o sentir musical cubano. O autor de viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana. Só se ofrecerán dous concertos deste singular espectáculo musical producido por aCentral Folque coa colaboración da Deputación da Coruña e dos Concellos de Santiago de Compostela e da Coruña. Será dentro das festas patronais das dúas cidades chanelianas: a estrea será o 29 de xullo na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e despedida, na Praza de María Pita, o 3 de agosto. Despois, editarase un disco conmemorativo que se presentará en outono nas vilas de Rianxo e Melide. Serán as derradeiras ocasións de gozar ao vivo deste espectáculo único.

A vida e a obra de Chané están fortemente ligadas ás cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e A Habana. En Santiago naceu e adquiriu formación musical da man do seu pai (o primeiro Chané), converténdose nun neno prodixio da guitarra e da bandurria e xirando, coa Rondalla Chané, por cafés e teatros de Galiza, Portugal e España. De adolescente estableceuse na Coruña, onde se consagrou como o músico galego máis popular do momento, en pugna cos grandes mestres Pascual Veiga e Juan Montes, responsables os tres da creación do movemento orfeonístico galego e da popularización da Melodía galega de concerto. En 1893 marchou para a Habana reclamado polo Centro Galego da Habana, onde se encargará do coro Ecos de Galicia e da formación musical no Centro Galego .