O desafío da maleta

O Consello da Cultura aborda a problemática relación entre o turismo masivo e o patrimonio

O Consello da Cultura aborda a problemática relación entre o  turismo masivo e o patrimonio
https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=6847348
O enorme incremento dos fluxos turístico en todo o mundo está a xerar alarma sobre os seus efectos nos lugares de destino. Para alén das cuestións ambientais, cada día está a se facer máis evidente a pegada que as marés de visitantes deixan nas cidades, a modificar tecidos sociais e comerciais e encarecer os prezos das vivendas e dos servizos ou coa súa influencia na vida cultural dos destinos. A abordar esta complexa problemática, o Consello da Cultura Galega organiza estes 6 e 7 de xullo o encontro Turismo masivo e patrimonio. Converxencias e diverxencias dun diálogo posible.


Carlos Nárdiz, enxeñeiro e especialista en patrimonio cultural, coordina un encontro no que se advirte que "o crecemento masivo e expansivo do turismo, positivo nalgúns aspectos, presenta a súa problemática, que ten unha tradución directa na necesidade de reflexionar sobre a incidencia da súa masificación nos bens culturais, sobre a alternativa dun turismo sostible ou sobre como debemos xestionar a relación entre turismo e patrimonio cultural". As dúas sesións artéllanse arredor dos temas, "centros históricos, patrimonio mundial e paisaxe cultural galega e as súas diferentes categorías legais". Manuel Chaín, subdirector xeral de Protección do Patrimonio Cultural, José Ramón Castiñeiras, xefe da Área de Imaxe e Xestión de Marca Turismo de Galicia, Rafael Sánchez Bargiela, director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de Turismo de Galicia, a antropóloga Cristina Sánchez Carretero ou José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador D.O. Ribeira Sacra serán algúns dos relatores que abordarán cuestións como a xestión turística nos cascos históricos, a pegada deste fenómeno nos camiños de Santiago ou as posibilidades da Ribeira Sacra de cara a un turismo sustentable.

Da catedral ao casco histórico
Miguel Ángel Troitiño, catedrático de Xeografía Humana da Universidade Complutense de Madrid, foi o coordinador do estudo que en 2008 recomendou limitar as visitas á catedral de Santiago de Compostela. O seu amplo coñecemento sobre a problemática relación entre turismo e patrimonio fixo del o escollido para abrir a primeira xornada deste foro de debate. Desde a súa perspectiva, cómpre desenvolver accións para evitar unha excesiva turistificación desde unha fase temperá do fenómeno. Ademais, avoga por intervencións de carácter xeral que vaian alén dunha simple regulamentación do sector.



Segundo explica sobre a súa conferencia, que se pode seguir vía web por streaming, "nunha primeira parte expoño a problemática xeral do desenvolvemento turístico e da súa expansión nos centros e nas cidades históricas como contexto xeral. Nunha segunda parte falarei sobre a experiencia do proxecto que desenvolvemos en 2008 para Dirección Xeral de Turismo e para o Cabido sobre a capacidade de acollida da catedral". Segundo sinala, nesta análise "a idea era basicamente identificar os problemas para conseguir un equilibrio entre as tres funcións que desenvolve a Catedral de Santiago, a función relixiosa, a cultural e a turística". A última parte da súa intervención aborda a relación desta problemática co conxunto da cidade antiga de Santiago de Compostela, unha zona que por cima doutros espazos monumentais do noso país "está a sufrir unha forte expansión do turismo nas últimas décadas, de xeito que é un piar da economía urbana". A este respecto advirte que cómpre que o sector "sexa un motor de desenvolvemento cun modelo sustentable que non desborde a capacidade de acollida e que non se converta nun elemento de conflito como está a acontecer en lugares como Barcelona, Mallorca ou Málaga. Unha excesiva turistificación acaba xerando turismofobia e un deterioro do patrimonio cultural que é precisamente o recurso prioritario da cidade no que se debe fundamentar o desenvolvemento turístico".

Un debate quente
A actualidade da cuestión está en grande medida apoiado na súa continua aparición nos medios de comunicación, especialmente no que se refire á regulación de aloxamentos informais como os que acolle a rede AirBnB. Para alén das protestas de veciños e de casos de vandalismo, diferentes tentativas de regulación como as aplicadas polo Concello de Barcelona e a propia Xunta de Galicia, moratorias sobre os aloxamentos turísticos como a que impulsou o Concello de Santiago ou casos de realugueiros que amosan a complexidade e os aspectos máis perversos deste modelo, manteñen de actualidade o tema. "Está a comezar a saír moito na prensa, especialmente por todo o conflito dos aloxamentos turísticos non regulados, que está a xerar moitos problemas. En cidades como Barcelona hai case tanta oferta de aloxamentos deste tipo como dos regulares. No caso de Santiago non teño datos concretos pero a cifra que se estima non chegou nin moito menos a eses niveis, a oferta é moi inferior a dos aloxamentos regulados", explica Troitiño.

Reflexións
Precisamente esta situación de alerta arredor do fenómeno turístico fai o seu ver imprescindible encontros como o que se está a celebrar no Consello da Cultura. "Ao ser unha cuestión que xera alarma cómpre estudar os problemas e analizalos de xeito rigoroso para atopar xeitos responsables para xestionar unha actividade tan importante como o turismo. Por exemplo, no noso estudo sobre a Catedral consideramos que para que os visitantes tivesen unha experiencia satisfactoria o máximo que debería haber de xeito simultáneo no interior do edificio eran mil persoas. E atopamos que en momentos concretos se achegaban as tres mil. Isto xeraba problemas desde a perspectiva relixiosa, xa que é unha catedral con culto durante todo o día".

A tempo
Encol da situación actual na que se atopa o casco histórico compostelán, advirte que aínda non é tarde para actuar. "Non é unha realidade que investigase en profundidade, pero pola información que teño está aínda nunha situación incipiente. Entón é precisamente un bo momento para o xestionar de xeito adecuado e evitar que aparezan problemas tan graves como noutros lugares. As solucións despois son moi complicadas. Aínda que non chegue a adquirir a mesma magnitude que noutras cidades, Compostela, sendo unha cidade media, pode chegar a tres millóns de visitantes nun ano, e as visitas están a desestacionalizar. Antes podía ser un problema focalizado nos anos xacobeos, pero en 2016 xa houbo máis turistas que no Xacobeo de 2010. Deixa de ser un problema puntual e pasa a ser unha situación habitual". A maiores sinala que, malia a semellar saturada "hai que ter en conta que a cidade turística é unha parte pequena da cidade histórica".

A vulnerabilidade dos cascos históricos
Entre as especiais vulnerabilidades a este fenómeno con que se atopan os cascos históricos está en ocasión a suá propia configuración urbanística. "Nun casco histórico como o compostelán, fóra da Praza do Obradoiro son todo rúas estreitas con pouca capacidade de acollida física. Historicamente foi un espazo caracterizado pola multifuncionalidade residencial e comercial, con pequenas tendas, oficinas, equipamentos culturais e tamén hostelería. Pero cómpre evitar procesos de excesiva turistificación de determinados espazos que dificultan tamén unha axeitada conservación do patrimonio e dos seus valores".

Accións amplas
De cara a enfrontar este debate, "cómpre xerar un modelo de xestión turístico cultural que poida axudar a resolver estes problemas. De xeito persoal considero que a maneira de controlar o turismo non é tanto con medidas específicas sobre o sector, con prohibicións e regulamentacións estritamente turísticas, senón cunha estratexia urbanística que reforce a cidade histórica de Santiago como un espazo multifuncional, no que unhas funcións se completen con outras. De se dar o caso de que non vivisen persoas no casco histórico acabaría turistificándose todo o espazo", advirte o xeógrafo.