O Nordestazo Rock cambia para manter a súa esencia

O festival que se celebrará o 5 de agosto en Malpica xa presenta o seu cartel completo

Novedades Carminha   Foto: Nordestazo Rock
Novedades Carminha Foto: Nordestazo Rock
Nun panorama tan numeroso en festivais de verán como o actual, desde a organización do Nordestazo Rock de Malpica cren chegado o momento de facer cambios necesarios pola sostibilidade e permanencia da súa proposta. Na súa edición do pasado ano o Nordestazo conseguiu ser candidato a dous Premios Fest nas categoría de Festivais de pequeno Formato e de Campaña de comunicación A novena edición do evento malpicán chega este vindeiro 5 de agosto cuns cambios que reforzan o seu espírito local sen renunciar a facer desta cita unha atractiva oferta musical na Costa da Morte para calquera visitante. Unha decidida aposta por artistas galegos, a recuperación do escenario pegado ao mar e a entrada de balde son os tres piares fundamentais que segundo a organización, coa Asociación A Tralla á cabeza, poden manter a esencia do festival e asegurar a súa continuidade. Segundo aseguran desde a dirección do Nordestazo “entendemos que debemos replantealo, non queremos ofrecer o mesmo que calquera outro festival e ao mesmo tempo temos que ser parte activa da vida estival de Malpica”, din nun comunicado no que apostan polo achegamento, a calidade e o valor das propostas artísticas de relevancia máis contemporáneas como concepto deste ano.

O Nordestazo arrancará o sábado 5 de agosto, cun cartel xa completo no que convivirán bandas galegas en plena ebulición e bandas nacionais. A cabeza do cartel, cuxo concerto pechará a edición deste ano, a compartirán a banda compostelá Novedades Carminha e Arizona Baby no escenario da Praia de Canido. O día o comezarán os coruñeses Los Mecánicos na sesión vermú. Los Labios, Banda Crebinsky e Bento Veloso & Los Doce Trinches completan a oferta desta novena edición coa que o Nordestazo Rock inicia un novo camiño como oferta estival local que permita a súa supervivencia e co que quere recuperar o seu carácter desligado do circuito de competitividade comercial actual do mercado de festivais de pago.
Ligazóns