Máis tempo para o Pasatempo

O concello confía en comezar a recuperación en 2018

O concello confía en comezar a recuperación en 2018
Foto: HombreDHojalata/Wikipedia
Nos últimos meses o Parque do Pasatempo volveu aos medios de comunicación. Un derrube nun dos muros do estanque alertaba sobre a difícil situación dun espazo histórico único. O soño do emigrante e filántropo Juan García Naveira, un espazo singular e único, parece verse ameazado. Sen embargo, a situación pode mudar en breve.




"O que precipitou o debate nos medios foi o derrube dese muro”, sinala o concelleiro de urbanismo de Betanzos, Antonio Vázquez, "que, ademáis, foi nun sitio inesperado. Os arquitectos advertíranos doutros lugares, pero non se sospeitaba dese”. A pequena zona conservada do Parque do Pasatempo –no seu deseño inicial era un vasto espazo de nove hectáreas- é precisamente a máis rica en representacións e arquitectura, pero tamén a máis vulnerable. "O terreo desa zona está nunha ladeira, e iso significa que hai filtracións, vanse xenerando fungos, e afean as esculturas e os murais”.

O Pasatempo foi edificado en 1893 e 1914 da man dun dos grandes benefactores de Betanzos, Juan García Naveira. Rapidamente convertiuse nunha atracción turística de zona internacional pola certa excentricidade, o didactismo e os valores do coñecemento e do progreso que predominaban na época. O actual propietario da finca é o concello de Betanzos, que está inmerso nun proxecto de recuperación do parque no que non é doado encaixar as vontades e atopar os cartos.

"Encargamos un documento técnico de valoración que estima a recuperación e consolidación do Parque en 1.300.000 euros que, con este pequeño derrubo e alguna outra cousa que queremos engadir ficaría en 1.500.000 euros”, sinala Vázquez. É unha cantidade importante, pero o concello está confiado en conseguir o diñeiro. "Na Deputación da Coruña temos un compromiso de acadar unha cantidade que equivale case á metade. O que temos agora é que redactar o proxecto para poder executalo”.

A recuperación do Pasatempo crúzase con outra xestión. Os pasos para convertelo en Ben de Interese Cultural. En sucesivas declaracións, a Dirección xeral de Patrimonio recalcou que as competencias para recuperar e restaurar o monumento correspóndenlle ao propietario, que é o concello de Betanzos. Sen embargo, a directora xeral, María del Carmen Martínez Ínsua, ofreceu o apoio técnico da administración para a redacción do informe necesario para que sexa cualificado como Ben de Interese Cultural, a máxima categoría de protección legal prevista na lexislación galega. De ser declarado BIC, asunto que todas as partes dan por feito, entraría na categoría de "xardín histórico”.

Sen embargo, desde o concello de Betanzos esperan que ese apoio técnico da Dirección Xeral de Patrimonio tamén se plasme na redacción do proxecto de recuperación, que ten un custe aproximado de 150.000 euros, e que sexa feito polos propios técnicos da administración. "Na súa primeira declaración a Xunta foi un pouco rotunda negándose a participar, pero confiamos en que iso se poida reconducir”, afirma o concelleiro de Urbanismo.

De ser así, a programación do concello de Betanzos confiaría en poder licitar a primeira fase das obras de recuperación antes do vindeiro verán de 2018. Pero os acordos aínda non están totalmente pechados.