Estudantes do IES Carlos Casares escriben e ilustran un libro en homenaxe ao autor das Letras Galegas

A obra colectiva reúne personaxes das distintas obras do autor agrupados en constelacións

A obra colectiva reúne personaxes das distintas obras do autor agrupados en constelacións
Capa do libro
Alumnas e alumnos do IES Carlos Casares de Vigo fixeron un libro en memoria do autor ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Escrito e ilustrado por eles e editado por Bolanda, está inspirado na propia obra do autor quen, "coma unha galaxia, ofrécenos pistas moi significativas sobre a orixe e evolución do noso propio universo galego", sinalan os autores de As estrelas máis estrelas de todas as estrelas."Os personaxes de Casares convértense en estrelas que brillan con luz propia na Galaxia Casares", explican os promotores da iniciativa, que botaron man de personaxes, situacións e referencias moi vinculadas á obra do autor, como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, A galiña azul, Os escuros soños de Clío, Vento Ferido, Ilustrísima, O sol do verán ou a serie protagonizada por Toribio, entre outros.


Así naceu As estrelas máis estrelas de todas as estrelas, título de clara referencia a unha das obras máis coñecidas do autor, no que profesores e alumnos do instituto vigués agrupan "as estrelas de Casares" en constelacións, coa finalidade de "lembralas para sempre no ceo nocturno", ao tempo que fan referencia á editorial que dirixiu o autor “desde 1986 ata o seu pasamento”. O texto desta historia é de Lara Pampillón Ubeira –baixo a supervisión de Beatriz Martínez Cordeiro–, mentres que as ilustracións son obra da propia Lara Pampillón xunto con Antía Varela Hermelo, Lois Pérez Gándara, Ian Graziano Carballeira, Irene Lorenzo Hermida e Adrián Molares Comesaña, baixo a supervisión de Almudena Lacomba Maruri. O libro, de 40 páxinas, formato cadrado e tapas duras, pódese adquirir xa nas librarías galegas.