O LAV conmemora dez anos con xantar, música e cinema

O laboratorio audiovisual de Vedra celebrarase os días 17 e 18 de febreiro

A Asociación Senunpeso, que organiza o LAV, Laboratorio Audiovisual de Vedra, quere conmemorar os dez anos desta iniciativa cunha celebración especial. Así, unha festa e un concerto súmanse ao programa de obradoiros, que nesta ocasión achega un total de 12 propostas formativas. Cuestións como radio para maiores, introdución á holografía, luz escénica, edición de vídeo para principiantes ou timelapse son algunhas das que achega esta xeira. Os actos de celebración concéntranse nunha cea que se desenvolverá o día 18 e nun concerto na mesma noite que contará con Brinkadelia Troupe e DJ Furia de Timotei. Na véspera, o Rebobina LAV amosará unha selección dos traballos audiovisuais que se desenvolveron ao longo da década de existencia desta iniciativa. A organización convida a participar nestas actividades a todas as persoas que teñan pasado polo LAV desde o seu nacemento.