Un ano cultural na balanza

Catro expertos diagnostican o 2016 na cultura galega

Catro expertos diagnostican o 2016 na cultura galega
Para mirar atrás hai que ter un pouco de perspectiva. Por iso e porque queriamos contar coas súas voces para esta análise, hoxe publicamos un balance do 2016 nos diferentes sectores culturais. Ás portas dun proceso de elaboración dunha estratexia para a cultura galega por parte da Xunta, da que aínda non se coñecen detalles de execución, non é mal momento para avaliar o devir inmediato da nosa cultura. Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, a crítica literaria Chus Nogueira, Daniel Lavesedo de GZ Música e a dramaturga Vanessa Sotelo reflexionan sobre o 2016 nas súas respectivas disciplinas.

AUDIOVISUAL
Carlos Ares
Presidente da Academia Galega do Audiovisual.

"Hai unha falsidade que se repite unha e outra vez: “en tempos de crise xs creadores, as artistas “agudizan” o inxenio, espremen a súa calidade e xorden representacións artísticas mellores” Isto non é historicamente certo. Mellores condicións económicas supuxeron o nacemento do Partenón, as obras de Shakespeare, o Renacemento italiano ou a Catedral de Compostela, entre outras. O mesmo sucede co cine, co audiovisual.

O audiovisual galego non é alleo a crise económica que vivimos, que estamos soportando, sobre todo ás persoas menos favorecidas. Pero a pesar desta crise as nosas obras son recoñecidas tanto por todo o mundo, nos festivais máis esixentes, como polo noso propio público.

Este foi un ano de longametraxes, documentais, curtametraxes moi diferentes, cunhas visións moi diversas e orixinais: Olladas particulares, novidosas e moi interesantes. Esas diversas visións son enriquecedoras para todxs. Foi un ano de procura de novos camiños: camiños na coprodución como en “Cen anos de perdón”, ou “Migas de pan” que exploran a colaboración cos países suramericanos. Un ano de procura de historias diferentes, como “María (e os demais)”- Foi tamén o ano de consolidación do que se ten chamado “Novo cinema Galego” co segundo premio en Cannes para Oliver Laxe, neste caso o Premio da Semana da Crítica por “Mimosas”. Non é moi aventurado dicir que este premio é un dos fitos culturais máis importante da historia, non só do noso audiovisual, se non mesmo da propia Cultura Galega en xeral.

En televisión as series, os programas de TVG, motor indiscutible do noso audiovisual, gozan dun gran éxito de público, competindo pola audiencia, en clara desigualdade, con obras que superan en moito o seu presuposto. Aínda así conseguen o seu obxectivo e chegan a un gran número de espectadores.

Oxalá teñamos apoios para seguir por estes camiños, talento, está claro, non falta.

Compre, iso si, unha maior presenza das mulleres no noso audiovisual, compre feminizar o sector. Compre que nunca máis sexa novidoso ver mulleres dirixindo, protagonizando, sendo directoras de foto, xefas de son... Ese é un esforzo de todxs.

Vivimos tempos duros, pero as persoas que vivimos para o audiovisual galego loitamos para dar aos noso público o mellor de nós. Loitamos para contribuír a facer unha Cultura Galega mellor, universal, pero ao mesmo tempo propia e desde nós. Loitamos, coas nosas obras, para tentar facer unha Galicia mellor".

Carlos Ares (A Coruña, 1966), é presidente da Academia Galega do Audiovisual. Guionista que ten desenvolvido a maior parte do seu traballo en televisión. É un dos fundadores de Zopilote S.L., produtora que creou e fixo os guións de diversos formatos: series televisivas de ficción como “Mareas Vivas” telecomedias como “Pepe o Inglés” ou concursos de humor como “O Rei da Comedia” ou programas baseados en sketches como “Air Galicia”. Ten escrito para numerosas series, desde a animación “Goomer” até o suspense de “As Leis de Celavella”. “>Ficha en AVG


MÚSICA
Daniel Lavesedo
GZMúsica

"O 2016 veu confirmar o excelente momento polo que pasa a música galega nestes violentos anos dez. Apenas de memoria, é doado enumerar cando menos 25 discos ben interesantes este ano, sen contar a actividade daquelas bandas que teñen abandonado o concepto de LP, en calquera formato, quer físico quer dixital, e prefiren presentar cancións individualmente. Entre os traballos publicados o ano pasado prima a autoedición –nunha dinámica común no panorama musical mundial- o que non impide a gran difusión de moitos destes discos que ademais, e isto si que é relativamente novedoso, captaron a atención tamén de público e medios especializados alén das nosas fronteiras. Bo exemplo disto foron os dous discos publicados por Malandrómeda, situados no máis alto de diversas listaxes dos mellores discos estatais do 2016.

E como vén sendo norma nestes anos, a colleita do 2016 destaca pola súa diversidade. Así, no rock destacan os novos traballos de Sés, Ruxe-Ruxe, Familia Caamagno ou Nao, ao carón de estreas como a de Berlai e O Puto Coro do Exército Froilanista. Malándromeda, como xa dixemos, ou Rebeliom do Inframundo no hip-hop, Silvia Penide e Chicharrón no pop, Sonia Lebedinsky, tamén por vez primeira en solitario, Guadi Galego ou Caxade avanzando na construción da nova música popular galega, e nun eido tan vizoso historicamente como o do folk e a tradición, alfaias como as novas propostas de Talabarte, Radio Cos, Fernando Barroso, Linho do Cuco ou Os Carunchos. E para rematar, dous traballos inclasificables mais imprescindibles ao falarmos do destacado do ano pasado: o “Mounstros” dos vigueses Cró! e o disco-despedida de Labregh@s do Tempo dos Sputniks, “Libremente”".

GZmúsica naceu o 1 de abril de 2012, nun tempo en que a desaparición de Vieiros.com ou Komunikando.net minguaba drasticamente o espazo dedicado á música galega na rede. O obxectivo é crear un webzine centrado na música galega, feito colectivamente, con software libre e publicado baixo o selo Creative Commons. A colaboración desde o comezo coa asociación Borneira Audiovisual propiciou a importancia dos contidos audiovisuais no proxecto e o nacemento de GZmúsica TV.

Daniel Lavesedo é un dos fundadores de GZmúsica. Durante anos foi un dos organizadores da Festa Folc de Vilariño e membro da directiva de FEGAFE, a Federación Galega de Festivais de música. Colabora tamén noutros medios, como o Faro da Cultura ou o novo fanzine Ouve!


LITERATURA
Chus Nogueira
Crítica literaria

"Ben difícil resulta meter doce meses de letras en apenas dous parágrafos, no ano no que marcharon Agustín Fernández Paz, Francisco Cortegoso e Fermín Bouza, no que soubemos que Marilar Aleixandre e Chus Pato ingresarían na Real Academia Galega, no que se homenaxeou a figura de Manuel María e no que Xohana Torres volveu escribir versos para a aboa Lola. Foi tamén 2016 o ano no que coñecemos datos ben preocupantes sobre a edición en galego, que revelaron un importante descenso partir de 2008. O ano que acaba de rematar deixou unha colleita xeitosa e diversa. Non obstante, evidenciou algunhas carencias e baleiros: o ensaio e, sobre todo, o teatro.
Os premios literarios seguiron a termar da publicación, e non só de primeiras obras de autores noveis. Ao mantemento do ecosistema literario contribuíron tamén un traballo voluntarista que vén de ben atrás, así como iniciativas novas, das que cómpre destacar a editora Chan da Pólvora. A historia, a aventura, a memoria e a realidade cotiá vertebraron en boa medida unha narrativa que descubriu algunhas voces inéditas. Na poesía, vizosa nestes meses, houbo interesantes achegas e volveuse falar con curiosidade dos novos, e mesmo a publicar unha antoloxía, No seu despregar, en Apiario. Para completar estas notas cómpre salientar como un ano máis a literatura galega logrou garantir ese espazo que felizmente reserva a obras singulares, híbridas, deliberadamente marxinais ou inclasificábeis."

Chus Nogueira (Berres, A Estrada, 1968) é crítica literaria, profesora na Universidade de Santiago de Compostela e presidenta da Asociación Galega da Crítica desde a súa creación en 2015. Colabora con frecuencia no Diario Cultural da Radio Galega e no soportal lg3 de culturagalega.gal, entre outras Publicacións.


ARTES ESCÉNICAS
Vanesa Sotelo
Directora da Revista Galega de Teatro

"O ano 2016 comezaba coa tarefa de redactar o material elaborado polos diferentes axentes das artes escénicas co obxectivo elaborar o anteproxecto de Lei das Artes Escénicas de Galicia. Dito documento presentouse no Parlamento o 28 de abril ofrecendo un marco referencial consensuado polo sector dun proxecto de futuro.

Foi tamén en abril cando fixo a súa presentación pública Dramaturga, que ten como obxectivo visibilizar e valorizar o sector da dramaturxia do sistema teatral galego. De igual xeito, entre os proxectos que nacen para velar pola igualdade no sector cultural, en novembro foi presentado o Observatorio da Igualdade das Artes Escénicas e Audiovisuais, impulsado por dez entidades gremiais. Son algúns deberes organizativos e de conxunto que comezaban a súa andaina.

Sobre a creación escénica, despois da irrupción de novas compañía no 2015, o sector volveu á vista cara á experiencia. A profesión recoñecía o traballo de Teatro do Atlántico con O Principio de Arquímedes, ao recibir cinco premios María Casares. En marzo estreábase un dos espectáculos con maior éxito: Eroski-Paraíso, co que Chévere continúa a súa liña de teatro-documento. O tolleito de Inishmaan completaba o trío de producións de creadores veteranos que obtiveron o beneplácito de crítica e público.
A medio camiño entre os máis novos e os máis experimentados, preciso é sinalar a premiada Raclette, de Ibuprofeno Teatro, a partir do texto co que Santiago Cortegoso acadara o Premio Álvaro Cunqueiro en 2014 –que segue a ser bienal e este ano foi para Manuel Lourenzo.

O 2016, ano no que lembramos as orixes históricas do teatro moderno en Galicia co centenario das Irmandades da Fala, ofreceunos un mapa teatral vivo e activo, de debate e diálogo para continuar pensando un sistema onde as entidades veteranas que resisten convivan cos proxectos novos que insisten e para que todos eles acaden o lugar que lles corresponde: preto do público".

Vanesa Sotelo (Cangas, 1981), actriz e dramaturga, dirixe desde o pasado outono a Revista Galega de Teatro. Baixo a súa dirección a cabeceira fundamental da escena galega transformouse en “Erregueté”, renovando deseño e contidos e encarando un novo percorrido renovado e con forte presenza nas redes sociais. Licenciada en dirección de escena pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Traballou en varias compañías teatrais como Aula de Teatro da Universidade de Santiago, na compañía francesa Amphi-Théâtre, Teatro no Aramio e en Inversa Teatro. No Centro Dramático Galego foi dramaturga residente coa obra Estigma e artista en residencia en 2009 co proxecto Corpo-puta-vaca-berro. Acadou o IV Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico 2010 pola obra Indoor e o XIII Premi de Teatre Josep Robrenyo de Catalunya 2010 pola obra Memoria do incendio.