A regulación laboral chega ao sector das orquestras populares

O 1º Convenio Colectivo da Verbena Galega asínase con parte da patronal en contra

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:

Milleiros de profesionais da música e empresarios do sector veranse afectados polas implicacións dun novo marco regulador das súas condicións de traballo que se plasmou na redacción do I Convenio Colectivo do Sector da Verbena Galega. Os sindicatos: CIG, UXT,CCOO e CSI-F chegaron a un acordo coa parte empresarial representada pola Asociación Galega de Orquestras (AGO) para asinar este documento de mínimos que supón, cando menos, a chegada dunha regulación a un contexto no que a negociación colectiva non tiña cabida. A outra asociación con representación da patronal, Asociación de Empresarios de la música de la Verbena Gallega (Asevega), non asinou este convenio e de feito xa se levantou da mesa de negociación con anterioridade ao considerar que "as bases de negociación que propoñen os sindicatos e aceptadas pola AGO son inasumíbeis pois levarán á ruína á meirande parte das formacións pequenas de Galicia" facendo fincapé na multiplicación dos custes laborais que este convenio supón. Desde a AGO anunciaron pola súa banda que nos vindeiros días farán xornadas informativas sobre o Convenio, tanto coa parte empresarial como cos traballadores, a cargo dos profesionais que interviron na sinatura do Convenio, para a presentacion, aclaración , e coñecemento do mesmo.

Segundo o estudio Do palco ao escenario dun equipo de investigación da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o sector ocupa, se ben é certo que maioritariamente de xeito temporal, a 4.000 traballadores e move 24.2 millóns de euros ao ano. O convenio asinado o pasado luns regula, ademais dos salarios por tramos de ingresos da orquestra, cuestións como a xornada laboral (que pasa a ser de 1.680 horas anuais), o dereito aos descansos, as coberturas por enfermidades e mesmo as actuacións coñecidas como ‘sesión vermú’, que antes nin se pagaban. As empresas tamén terán a obriga de computar os ensaios como xornada laboral, algo que ata o de agora non se facía,e os profesionais cotizarán no réxime xeral da Seguridade Social e non no Réxime Especial de Artistas, de tal xeito que verán factible o acceso ás prestacións sociais. Asevega amósase contraria a estas condicións que cre que "nun momento como o actual no que moitas pequenas formacións están incluso perdendo cartos, os levará ineludiblemente ao peche".

Que che parece esta nova?
52 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Verbena galega

Ver serie completa
Dosier: Verbenas

Dosier: Verbenas

Nace a asociación de músicos e cantantes de verbena

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Asociación Galega de Orquestras, CIG, Seguridade Social, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO)